O Concello de Ponte Caldelas leva reparados unha ducia de parques infantís do rural
Por Redacción
Os máis de 30 parques infantís de todos os lugares do rural de Ponte Caldelas están a cambiar notablemente de aspecto. O plan municipal para a reparación integral destas dotacións, dotado con 35.000 euros, vai moi avanzado e, despois de comezar a súa andaina o pasado mes de abril, xa pasou por unha ducia de lugares.
O plan de mantemento comezou por Silvoso, onde se puxeron en perfecto estado os dous parques e, a día de hoxe pasou xa por A Roca, Pazos, Laxoso, Chaín (2), Barbudo, Anceu, Paradela e Gradín. Ao longo do verán continuará polo resto do municipio ata completar a totalidade das instalacións.
A empresa encargada dos traballos realiza un repaso en profundidade para tratar os elementos metálicos e de madeira, eliminando todo tipo de defectos. As pezas máis deterioradas son substituídas e os xogos quedan perfectamente vernizados e pintados. As melloras inclúen tamén os valados perimetrais, alá onde existen.
As obras contan coa dificultade administrativa de que moitos dos parques infantís están situados en terreos que non son de propiedade municipal, polo que a actuación do Concello debe cinguirse ao mantemento e conservación, sen posibilidade de novos investimentos.
Por outra banda, ao longo deste ano executarase tamén unha mellora integral dos tres parques urbanos situados na praza de Frai Antonio Orge (fronte á escola infantil), o paseo da Calzada e o edificio Sol. O parque central de Ponte Caldelas é completamente novo, xa que foi estreado en 2017.
Relacionadas:
-
Ponte Caldelas completa a mellora de todos os parques infantís urbanos
Por Redacción |
-
O parque infantil da Calzada estrea a súa nova imaxe
Por Redacción |
-
Acondicionan o parque infantil da Casa do Pobo de Laxoso
Por Redacción |
-
Paradela e Gradín estrean parques infantís renovados
Por Redacción |
-
Ponte Caldelas completa a reforma dos parques infantís urbanos con tres novas actuacións
Por Redacción |