Messi acometerá a mellora do depósito municipal de auga de Barro
Por Redacción
O Concello de Barro vai executar un proxecto para reparar o depósito de distribución de auga municipal. Este proxecto, que conta cun orzamento de 22.908,06 euros, está financiado con cargo ao Plan Concellos 2018 da Deputación de Pontevedra e será executado pola empresa Construtora e Ingeniería Messi S.L.
As obras a realizar consisten na reparación integral do interior do depósito coa proxección dun formigón especial en todo o vaso que mellore a estrutura, tanto dos muros como do piso actual, e a posterior aplicación dunha resina que mellorará a estanquidade e a protección dos muros.
Esta actuación ten como obxectivo seguir mellorando este servizo público, evitando perdas de auga polo deterioro dunhas instalacións que xa teñen moitos anos e que facilitará as tarefas periódicas de limpeza.
Este goberno municipal leva realizando unha serie de actuacións todos estes anos co obxectivo de normalizar o servizo de auga municipal.
Investiuse no control sanitario para estar ao día cos protocolos da Consellería de Sanidade; buscáronse novas captacións para paliar a seca do verán do ano 2017 e seguirase traballando para garantir que este servizo público se siga prestando con garantías no futuro.