Carla Santoro, unha atleta moi nova que xa é exemplo de superación
Por Redacción
Carla Santoro ten oito anos. É veciña de Silvoso (Ponte Caldelas) e vén de converterse nunha das grandes estrelas do campionato de España de atletismo para menores, celebrado en Segovia baixo a organización da Federación Española de Deportes para Cegos (FEDC).
A rapaza, alumna de Segundo de Primaria no colexio Cordo Boullosa e federada no equipo da ONCE, obtivo tres medallas de ouro nas especialidades dos 50 metros, 500 metros e no salto de lonxitude. Un éxito que conseguiu sen un adestramento específico, pois ela practica dende hai pouco tempo a modalidade de tríatlon.
A nena, segundo traslada o Concello, padece albinismo ocular, unha enfermidade xenética que reduce a pigmentación da retina e afecta á agudeza visual e á visión estereoscópica. Aínda que utiliza gafas, as lentes só lle corrixen a miopía, polo que a calidade da súa visión é moi reducida.
Non obstante, Carla demostra un gran talento para os estudos e afirma que as súas materias favoritas son as ciencias, a historia e as matemáticas, sen esquecer os idiomas. Xoga con aplicacións para aprender palabras noutras linguas e gústanlle especialmente o chinés, o alemán, o inglés e o galego.
Na competición segoviana, na que participaron 180 rapaces con discapacidade visual de toda España, sorprendeu polas súas marcas. Saltou 2,9 metros (moi preto do récord de España da súa categoría, en mans dunha rapaza un ano maior que ela), correu en 9,56 segundos os 50 metros e meritorio resultou o seu tempo de 1 minuto e 57 segundos nos 500 metros.
Hai poucos meses foi obxecto dunha visita no propio colexio da triatleta e médico viguesa con discapacidade visual Susana Rodríguez, unha xornada que gozou especialmente e que contribuíu a forxar a determinación de Carla por seguir os seus pasos. Se se lle pregunta que quere ser de maior responderá sen pensalo que cirurxiá.