A fiscal rebaixa de 28 a 15 anos a petición de prisión para os autores confesos do crime da anciá de Lérez
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido
A fiscal Marta Durántez decidiu modificar a petición dun delito de asasinato por un de homicidio coa agravante de disfrace e abuso de autoridade nas conclusións finais da vista oral que se desenvolve na Audiencia de Pontevedra contra os dous acusados, Constante Sánchez e José Manuel González.
Ambos confesáronse autores, na primeira sesión do xuízo, de propinar unha malleira en xullo de 2016 a Pilar Fernández, unha muller de 87 anos que residía en Lérez, para que lles indicase onde gardaba o diñeiro. A muller falecía semanas máis tarde como consecuencia dos golpes recibidos.
Precisamente, na sesión deste mércores, lria del Río, subdirectora territorial do Imelga (Instituto de Medicina Legal de Galicia) de Pontevedra confirmaba a preguntas da fiscal que Pilar Fernández falecera como consecuencia desas lesións causadas pola brutal agresión dos dous autores confesos.
Indicou que os golpes provocaron diversos danos internos en abdome e tórax da muller ata o punto de que se non se operou o bazo de maneira urxente como se fixo, o shock fose máis inmediato e mesmo, de non chegar as asistencias sanitarias, morrese no seu propio domicilio tras o asalto.
Ademais indicou que a vítima polo seu historial médico era totalmente autónoma e só sufría acháquelos "propios da idade", polo que chegou a admitir que os golpes poderían causar o mesmo resultado de morte nunha persoa máis nova, debido a que estas agresións afectaron á arteria pulmonar que desencadeou unha pequena hemorraxia interna, sen que os médicos do Hospital Montecelo que a atenderon puidesen detectar de onde procedía o sangue afectándolle á zona dos pulmóns.
A forense explicou con detalle ao xurado popular, utilizando as fotografías que se mostraban nunha pantalla, como se produciron as feridas derivadas da intensidade dos golpes recibidos. "No es accidental, sino homicida", sinalou ao explicar a causa da morte.
Pola súa banda a forense Marta Medrano fixo un relato detallado do historial de adicción ás drogas de ambos os acusados aos que cualificou como "toxicómanos de longa duración" consumidores de cocaína e opiáceos. Cando foron detidos en setembro de 2016, a análise do cabelo mostraba o consumo destas substancias durante os últimos meses.
A fiscal indicou ao xurado que reducira a pena no mínimo posible. Inicialmente, antes da vista oral, solicitaba 28 anos de prisión por delitos de roubo con forza nas cousas, roubo de uso de vehículo, roubo con violencia, asasinato e furto.
Tras a declaración dos acusados, a representante da Fiscalía modificou ademais da petición de asasinato, a substitución de roubo con forza por un delito de furto, que non carrexa pena de prisión. Marta Durántez xustifica este cambio porque, durante a vista, non se puido acreditar que forzasen portas ou xanelas para entrar na vivenda da vítima. En relación co roubo con violencia entende que os agresores utilizaron uns panos para non ser recoñecidos e eran máis fortes fisicamente e maior número que a vítima, polo que aplica as agravantes de disfrace e abuso de superioridade.
Desta forma, a petición de penas de prisión por parte da Fiscalía rebáixase a 15 anos, atendendo á confesión da autoría e á adicción ás drogas dos procesados.
As dúas avogadas da defensa aceptaron a modificación da petición de penas do Ministerio Fiscal, que tamén substitúe as multas económicas por traballos en beneficio da comunidade, xa que ambos os imputados decláranse insolventes. Os dous falaron, cando a xuíza deulles oportunidade para facelo na sala durante esta xornada, volvendo mostrarse moi arrepentidos. José Manuel González pediu perdón á familia mentres que Constante Sánchez foi máis contundente: "si no fuera por la mierda de la droga no estariamos aquí", afirmou ante o tribunal.
Este xoves 28, o xurado popular deberá deliberar para responder as preguntas que lle presente a xuíza da sección cuarta da Audiencia antes de facer público o seu veredicto.
Relacionadas:
-
A Audiencia de Pontevedra impón 15 anos de cárcere polo asalto mortal a unha anciá
Por Oskar Viéitez |
-
O xurado popular declara culpables de homicidio aos acusados do crime de Lérez
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot |
-
O fillo da muller asasinada en Lérez sobre os dous acusados: "Non me creo o seu perdón e é imposible pola miña parte"
Por Redacción |
-
Admiten ter matado a unha anciá en Lérez á que lle roubaron 35 euros e bixutería
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido |
-
Un tribunal popular xulga este mes os acusados de matar a unha octoxenaria en Lérez
Por Natalia Puga |