A reforma de Cruz Vermella comezará coa construción da nova praza peonil
Por Alejandro Espiño
As obras de reforma da rúa Cruz Vermella comezarán a próxima semana. Así o anunciou o concelleiro Demetrio Gómez. A falta dos últimos trámites administrativos, o goberno municipal calcula que será "a golpe de mércores".
Os operarios da empresa Covsa, compañía que executará estes traballos, terán como primeiro labor a creación da nova praza peonil que estará entre as instalacións da Cruz Vermella e o colexio Manuel Vidal Portela.
A intención é que este novo espazo estea "practicamente rematado" en setembro, para que a comunidade educativa do centro poida acceder ás aulas "con total normalidade" e gozando desta nova área peonil.
Demetrio Gómez avanzou que, ademais, antes de que comece a intensa actividade festiva e deportiva do verán terase que cortar ao tráfico a rúa Pai Gaite para retirar os grandes plátanos "con completa seguridade".
O operativo, que estará coordinado coa Policía Local, está pensado para facilitar un traballo que é "complexo", dando que hai que "actuar moi ben" para que as ramas que pasan por encima do pavillón non danen as instalacións ao ser retiradas.
Desde o goberno municipal lembran que esta reforma integral, que inclúe tamén outras rúas da contorna como Salustiano Portela Pazos, Álvaro Cunqueiro e a Praza da Castaña, ten un prazo de execución de dez meses.
Ante calquera problema que poida xurdir, avanzou Demetrio Gómez, "estaremos cos veciños", cos que terán xa unha primeira reunión a partir do próximo luns día 9 de xullo para comprobar como avanzan os traballos nos seus primeiros días.
Relacionadas:
-
A reforma da Praza da Castaña eliminará o parterre elevado
Por Alejandro Espiño |
-
O Concello presenta os espazos de estacionamento de vehículos na rúa Cruz Vermella
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot |
-
Pechan Cruz Vermella entre Álvaro Cunqueiro e Padre Gaite para crear a nova praza peonil
Por Redacción |
-
Adxudican á empresa COVSA a reforma de Cruz Vermella por 1,1 millóns
Por Redacción |
-
As obras en Cruz Vermella incluirán a reforma da Praza da Castaña
Por Redacción |
-
A reforma de Cruz Vermella interesa a trece empresas
Por Alejandro Espiño |