A Xunta equipara os incendiarios con maltratadores e violadores
Por Oskar Viéitez
O secretario xeral de Ordenación Forestal, Tomás Fernández Couto considera que quen prende lume ao monte con intención é "un delincuente perigoso, un homicida" que pon en risco á poboación e asegura que un incendiario é "un peligro muy grave social y yo lo comparo con un violador o un maltratador", recoñecendo "toda la gravedad que tienen esos delitos".
Fernández Couto fixo tamén un chamamento á sociedade galega contra a "impunidad" coa que actúan aqueles que provocan incendios e a falta de conciencia respecto ao dano e o perigo.
O responsable autonómico incidiu en que a acción dos incendiarios é a principal causa de que en Galicia se produzan a metade dos incendios forestais que se xeran cada ano en toda España. Este foi un das mensaxes que deixou este mércores en Pontevedra o director xeral de Ordenación Forestal, Tomás Fernández Couto.
En Galicia se producen a metade dos incendios forestais que se xeran cada ano en toda España
Tamén considera que existe un "punto de inflexión" na limpeza das franxas de seguridade. Trátase de "un avance importante, pero insuficiente", polo que xa adianta que haberá multitude de multas.
O responsable de Ordenación Forestal explicou que a Consellería do Medio Rural xa ten a punto a maquinaria e persoal para combater incendios forestais durante a época de máximo risco, que comeza o próximo día 1 de xullo e prolongarase ata o 30 de setembro. En outubro xa non será de alto risco pero tamén se manterán a contratación de medios propios de extinción, que verán ampliados o seu contrato un mes.
Fernández Couto tamén incidiu que se incorporan cámaras ao operativo de vixilancia, 44 en total en Galicia. E os helicópteros de Medio Rural encargaranse de facer gravacións en vídeo de todo o que sucede no monte, documentos que serán achegados á Xustiza en caso da detención dun incendiario.
Por agora Medio Rural non ten previsto utilizar drons para vixiar os montes.
Ao seu entender, o operativo antiincendios funciona e pon como proba que o número de incendios reduciuse considerablemente nos últimos anos, concretamente reducíronse a un terzo dos que había fai unha década. Aínda así se seguen producindo uns 3.500 incendios forestais cada ano.
Como novidades o Plan de Prevención e Defensa de Incendios Forestais de Galicia (Pladiga) incorpora o novo sistema de comunicacións Tetra, que está cifrado e que impedirá o filtrado de datos, e a actualización do programa de xestión XeoCode, que permitirá controlar en tempo real onde están todos os medios terrestres e aéreos, optimizando a coordinación do traballo de todos os efectivos.