As obras para ampliar a rede de abastecemento de auga nos Areás, en marcha
Por Redacción
Operarios da compañía Viaqua comezarán este mércores a executar as obras de ampliación da rede de abastecemento de auga potable nos Areás, na parroquia de Mourente. Teñen un prazo de execución dun mes e están valoradas en 32.134 euros.
O Concello realizou o pasado ano 700 metros de canalización da auga potable no lugar, proxecto valorado en 84.022,04 euros e executado pola empresa Oserco. Naquel momento, varios veciños que non estaban incluídos no proxecto, propuxeron a posibilidade de conectar as súas vivendas á rede xeral porque secaran os seus pozos durante o verán.
Os técnicos municipais estudaron a posibilidade de estender a rede ata esas casas, resultando posible ampliala, aínda que non a todo o lugar dos Areás, xa que existe un problema de cotas, que impide que se poida canalizar -polo momento- todo o barrio, pola presión da auga.
Neste novo proxecto, dotarase de auga corrente a 14 vivendas entre os Areás e as Laxiñas, mediante a instalación de 495 metros lineais de tubaxe de 75 milímetros e dúas bocas de rega. A intervención complétase co pavimentado de todo o ancho da calzada no tramo afectado e a instalación da rede de recollida de pluviais.
O resto do barrio dos Areás só se poderá conectar unha vez que entre en funcionamento a rede en alta realizada por Acuaes en Pontevedra e se vaian executando as redes secundarias e particulares, dende a rede xeral ás vivendas, en cada núcleo do rural.
Ao mesmo tempo, o Concello executa dende esta semana a ampliación da rede de sumidoiros en Sabarís, parroquia de Campañó. É unha canalización da rede de saneamento para oito vivendas, coa instalación de 480 metros lineais de tubaxe PVC, de 250 milímetros e 19 pozos de rexistro, coa posterior pavimentación de todo o ancho da calzada.
O importe da obra, que executa Viaqua, é de 60.395 euros e o prazo de execución previsto é tamén dun mes.