Telmo Martín asegura que "nunca" estivo imputado e acusa á oposición de difamalo
Por Alejandro Espiño
O alcalde de Sanxenxo, Telmo Martín, lembrou hoxe que "nunca" estivo imputado no caso dos sobreprezos que a empresa Construcuatro cobrou, segundo unha sentenza do Tribunal Supremo, en vivendas de protección oficial do barrio vigués de Navia.
"Nin sequera fun chamado como testemuña a pesar da insistencia do avogado da acusación particular", explicou Martín en rolda de prensa. Nela, acusou a este letrado de buscar nel un "eco mediático e político" para favorecer a súa estratexia xudicial.
Para o rexedor, socio desta construtora no momento dos feitos, a empresa non cobrou sobreprezos nestas vivendas, senón que o diñeiro cobrado a maiores por elas corresponden a "melloras" nos pisos que foron "aceptadas e pagas voluntariamente" polos propietarios. "Non houbo ningún tipo de engano nin coacción", engadiu.
O erro de Construcuatro, segundo Telmo Martín, foi que estas melloras aceptadas polos compradores "non foron notificadas" ante a Consellería de Vivenda, por iso é polo que se abrise o expediente que desembocou nunha sanción "administrativa" que ascende a case 2,5 millóns de euros e á devolución de 1,2 millóns máis a 62 propietarios.
En todo caso, o alcalde de Sanxenxo asegurou que se sente "apoiado" polo seu partido e polos seus socios de goberno e acusou á oposición de buscar "escusas" para seguir "difamando" e conseguir desa maneira "o que non poden lograr nas urnas".
"Se non hai nada ilegal invéntano", sinalou Martín, que defendeu que as responsabilidades políticas "decídoas eu e os votantes" e lembrou que desde que se coñeceu este caso "gañei tres eleccións en Pontevedra e Sanxenxo".
REXISTRADO O PLENO EXTRAORDINARIO
A este respecto, BNG, PSdeG-PSOE e a concelleira non adscrita, Vanessa Rodríguez, rexistraron este martes a petición dun pleno extraordinario para que Telmo Martín aclare a súa responsabilidade na sentenza do Tribunal Supremo contra Construcuatro pola "estafa" que supón cobrar sobreprezos en vivendas de protección oficial a 62 familias de Vigo.
Para a oposición é "inaceptable" que unha persoa que se dedique á vida pública participe de "maneira activa" nun caso destas características.
Consideran que o alcalde "non ten a mínima decencia de dimitir" nin Alberto Núñez Feijóo a "dignidade de facer que dimita", polo que esperan que Martín, polo menos, "renda contas" ante os veciños. Ademais, esperan que os seus compañeiros de goberno "se manifesten publicamente sobre se avalan a súa falta de escrúpulos".
A oposición tratará de forzar unha votación sobre a "idoneidade" e a "lexitimidade" da continuidade de Telmo Martín como alcalde, ao entender que era "socio e fundador" da construtora no momento o que se refire a sentenza do Supremo.
Relacionadas:
-
PP e SAL aproban no pleno de Sanxenxo a "lexitimidade" de Telmo Martín
Por Oskar Viéitez |
-
SAL rexeita a petición de dimisión do alcalde Telmo Martín
Por Oskar Viéitez |
-
A oposición esixe a Feijóo que cese a Telmo Martín pola súa "corrupción urbanística"
Por Alejandro Espiño |
-
A oposición solicitará un pleno extraordinario para pedir a dimisión de Telmo Martín
Por Redacción |
-
En Marea e BNG esixen a dimisión ou cese inmediato do alcalde de Sanxenxo, Telmo Martín
Por Oskar Viéitez |
-
O Supremo ratifica a condena a Construcuatro por cobrar sobreprezos vivendas protexidas de Vigo
Por Oskar Viéitez |