O restaurante Xerfa acapara todos os premios do Sanxenxo Degusta Tapas
Por Redacción
A novena edición do certame gastronómico Sanxenxo Degusta Tapas foi un rotundo éxito. O goberno municipal destaca que se serviron máis de 14.000 tapas no mes que durou este concurso.
Un total de 32 locais de hostalería do municipio participaron nesta ocasión, ofrecendo 55 tapas diferentes: 16 de carácter tradicional, 29 creativas e 10 doces.
Así, destacan que o certame, despois de nove anos, xa se atopa plenamente consolidado entre os veciños de Sanxenxo e os turistas que visitan o municipio.
O gañador na categoría de tapa creativa foi o Restaurante Xerfa co proposta Cóctel de sabores de Galicia. Impúxose a Ollares da Ría co seu Polo cun pao e a Aldapa Arca coa súa Hamburguesa Terra e Mar, os outros dous finalistas.
Pola súa banda, a mellor tapa tradicional foi tamén a do Restaurante Xerfa, que gañou co seu Pucheiriño na lareira. Ollares da Ría e a súa Bombóndigas e Jaco's Bar coa súa Hamburguesa de polo e mazá foron os finalistas.
E como din que non hai dous sen tres, Xerfa foi tamén o gañador da tapa doce coa súa Mousse de tetilla, xeado de mel, biscoito de pistacho e piñóns caramelizados. Neste caso, os finalistas foron Ollares da Ría e a súa Crema de arroz con leite con torrixa e xeado de vainilla e o Restaurante Tritón con O pecado de Eva.