O fillo da muller asasinada en Lérez sobre os dous acusados: "Non me creo o seu perdón e é imposible pola miña parte"
Por Redacción
"Mi madriña, me mataron. Estoy malísima. Vinde aquí canto antes". Estas foron as primeiras palabras de auxilio que escoitou o sobriño político de Pilar Fernández, a veciña de Lérez que acababa de sufrir unha brutal agresión e o roubo de 35 euros no seu domicilio, cando chamou a casa do seu sobriño para reclamar axuda.
A chamada rexistrouse pasadas as 04.00 horas do 30 de xullo de 2016 cando os dous acusados, que sentan desde este luns no banco da Audiencia Provincial, xa abandonaran a vivenda montados nun Opel Corsa que roubaran horas antes.
Durante este martes desenvolveuse a segunda sesión deste xuízo contra Constante Sánchez e José Manuel González como autores do roubo e da agresión que provocaron a morte da muller. Participaron varios axentes que interviñeron tras o suceso.
As diferentes testemuñas sinalaron que a muller sangraba moito a través da variz dunha perna, queixábase de dor no costado e sufría un golpe na cabeza. Todos coincidiron en manifestar que a muller de 87 anos atopábase moi alterada despois de sufrir o roubo e a malleira, tras atopar aos dous acusados no seu fogar, alertada polos ladridos dos cans .
Un dos fillos da vítima, Ramón José Iglesias Fernández, declarou que cando visitou á súa nai no Hospital Montecelo, a muller atopábase en estado de shock e non falaba, só asentía coa cabeza. Ramón José apuntou que ata ese momento ela levaba tempo vivindo soa e se valía por si mesma
Tras a vista, o fillo da veciña de Lérez afirmaba que lle tería gustado dicirlle ao tribunal popular que teñan en conta no veredicto que "non se sabe o que é perder unha nai ata que se perde". Afirmou tamén que pide o cumprimento íntegro da pena e concluíu que "non se cre o perdón e é imposible pola miña parte" en relación ao arrepentimento e perdón que pediron os acusados durante a primeira sesión do xuízo.
Un axente da Garda Civil recoñeceu, durante a vista, que os dous imputados eran habituais toxicómanos que acudían á zona de O Vao para obter droga. As avogadas da defensa baséanse nesta dependencia, na falta de premeditación e na confesión con arrepentimento, para reclamar á fiscal que reduza a petición de condena e rebaixe os 28 anos de prisión que solicita para os acusados.
Relacionadas:
-
A Audiencia de Pontevedra impón 15 anos de cárcere polo asalto mortal a unha anciá
Por Oskar Viéitez |
-
O xurado popular declara culpables de homicidio aos acusados do crime de Lérez
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot |
-
A fiscal rebaixa de 28 a 15 anos a petición de prisión para os autores confesos do crime da anciá de Lérez
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido |
-
Admiten ter matado a unha anciá en Lérez á que lle roubaron 35 euros e bixutería
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido |
-
Un tribunal popular xulga este mes os acusados de matar a unha octoxenaria en Lérez
Por Natalia Puga |