Licitan a humanización da Praza de España e a reforma dos xardíns de Xerardo Carballal
Por Redacción
Ata o próximo 12 de xullo as empresas construtoras poderán presentar as ofertas para executar as obras de humanización da praza de España e dos xardíns de Xerardo Carballal. Cun orzamento de máis de 600.000 euros é, segundo o Concello de Ponte Caldelas, a actuación urbana máis importante da historia do municipio.
O Concello aprobou o expediente de contratación e abriu o prazo de presentación de ofertas, de 20 días naturais, ao obxecto de cumprir os requisitos e o calendario fixado dentro do Plan de Reequilibrio da Deputación Provincial, que cofinancia estas melloras.
As obras da praza de España e primeiro tramo da avenida de Vigo contan cun prezo de saída de 328.123,45 euros e as dos xardíns de Carballal de 287.876,54 euros.
A intención do goberno é poder comezar ambas obras o 1 de setembro, xusto despois das festas de verán. Estarán así rematadas antes do fin do ano.
Ao mesmo tempo, o Concello realizará algúns traballos de mellora en rúas do centro urbano para reorganizar o estacionamento e ampliar beirarrúas.
Estímase que Ponte Caldelas gañará unhas 200 prazas de aparcamento en batería, situadas fundamentalmente ao longo da avenida de Vigo, na contorna onde se sitúa o balneario, cuxos terreos veñen de ser adquiridos pola institución municipal.
Este proxecto de transformación urbana abrangue unha superficie total de 4.000 metros cadrados. Deseña unha nova centralidade na que convivirá o tráfico rodado, cun carril de saída para a avenida de Marín (rúa lateral á Alameda) co uso peonil, acabando co caótico deseño actual, produto da acumulación de diferentes actuacións inconexas ao longo do tempo.
A principal singularidade será a instalación dunha fonte luminosa de chorros na cabeceira da Alameda.
A actual fonte do chafarís dos xardíns de Carballal será trasladada á explanada fronte ao colexio Cordo Boullosa e presidirá a rotonda que regulará o tráfico coas rúas de Concepción Areal e Rosalía de Castro, onde o Concello tamén pretende racionalizar este espazo, sentando as bases para unha futura e nova praza.
Relacionadas:
-
Arrancan en Caldas as obras da nova edificación para a escola de música
Por Oskar Viéitez |
-
Audeca e Nexia remodelarán a praza de España e dos xardíns de Carballal
Por Redacción |
-
A reforma urbana do centro de Ponte Caldelas, a partir de setembro
Por Redacción |
-
Revolución no centro de Ponte Caldelas con beirarrúas máis anchas e máis aparcamento
Por Redacción |
-
A contorna da Alameda de Ponte Caldelas prepárase para unha transformación
Por Redacción |