Admiten ter matado a unha anciá en Lérez á que lle roubaron 35 euros e bixutería
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido
Constante Sánchez e José Manuel González confesaban este luns ante o tribunal da sección cuarta da Audiencia provincial que eles tiñan sido os causantes da malleira que provocou que a vítima, Pilar F., unha muller de 87 anos que vivía soa na súa casa da parroquia de Lérez, falecera semanas máis tarde nun centro hospitalario.
Un xurado popular será o encargado de decidir se se lles impón a pena inicial que solicita a fiscal de 28 anos, 11 meses e dous días de prisión. Ambos os dous declaráronse insolventes na primeira xornada da vista e son defendidos por dúas avogadas de oficio.
Constante Sánchez sinalou que, entre o 18 e 22 de xullo de 2016, realizara unha obra de construción dun muro na vivenda da anciá a través da empresa do seu cuñado. A raíz destes traballos comprobou que a muller gardaba xoias no seu domicilio.
Na tarde do 29 de xullo, Constante Sánchez que confesou que en aquela época era adicto á heroína e á cocaína atopouse na zona do Vao con José Manuel González. Os dous decidiron acudir á vivenda da veciña de Lérez para levar a cabo o roubo.
Constante accedeu a través da porta da cociña ao interior da casa mentres José Manuel entretiña á muller facéndose pasar por un técnico do gas mentres o seu compañeiro facíase cun botín de catro aneis e unha pulseira. Unha vez perpetrado este roubo acudiu a un establecemento de compra venda de ouro onde vendeu as pertenzas deixando unha fotocopia do seu DNI.
Horas máis tarde, durante a madrugada do 30 de xullo, os dous acusados roubaron un vehículo Opel Corsa na contorna dos xulgados da Parda. O turismo, segundo relataron os dous imputados, serviu para que se trasladaran de novo ata a vivenda da veciña de Lérez.
Alí, cos rostros cubertos, volveron entrar pola porta principal. Pilar espertou e quedou sorprendida pola presenza dos dous individuos que comezaron a golpeala con brutalidade no tórax e no abdome coa intención de que a vítima lles dixera en que lugar agochaba os cartos na casa. A muller rematou por indicarlles un monedeiro do que os acusados levaron 35 euros, ademais dalgunhas pezas de bixutería.
Ante as preguntas da fiscal sobre os danos que lle foron ocasionados á vítima, Constante confesou que "si la señora tenía todo eso fue por culpa nuestra" e sinalou que a muller só dicía "non me fagades dano".
"Podía ser mi madre. Yo lo siento mucho por la familia. Lo siento mucho"
Os dous imputados fuxiron mentres a vítima pedía auxilio desde o balcón. Pilar F. ingresou no Hospital Montecelo cun shock hipovolémico-hemorráxico e colapso pulmonar que rematou por causarlle a morte o 10 de setembro de 2016.
Constante Sánchez manifestaba este luns na Audiencia o seu arrepentimento indicando que "era una señora mayor. Podía ser mi madre. Yo lo siento mucho por la familia. Lo siento mucho. Nuestra intención no era hacerle daño. En ese momento estás drogado y no sabe lo que haces", alegou.
Dous días despois da morte da anciá, era detido Constante, que se enteraba nos xulgados da morte da veciña de Lérez. A primeira chamada que realizou foi ao outro acusado, que horas despois era tamén detido e confesaba todo ante os axentes.
Tanto Constante como José Manuel González confesaron a súa adicción ás drogas desde que tiñan 18 e 17 anos respectivamente. Segundo o primeiro, levaba catro días de consumo de cocaína e heroína, tanto fumada como inxectada, antes do asalto á vivenda. A José Manuel se lle diagnosticou transtorno da personalidade e está baixo atención psiquiátrica na actualidade. Ámbolos contaban con antecedentes penales por delitos de roubo con forza.
Ademais dos dous acusados, este luns tamén declaraban dous axentes da Policía Nacional que levaron a cabo a investigación. Está previsto que a vista oral continúe este martes coas declaracións de peritos.
Relacionadas:
-
A Audiencia de Pontevedra impón 15 anos de cárcere polo asalto mortal a unha anciá
Por Oskar Viéitez |
-
O xurado popular declara culpables de homicidio aos acusados do crime de Lérez
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot |
-
A fiscal rebaixa de 28 a 15 anos a petición de prisión para os autores confesos do crime da anciá de Lérez
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido |
-
O fillo da muller asasinada en Lérez sobre os dous acusados: "Non me creo o seu perdón e é imposible pola miña parte"
Por Redacción |
-
Un tribunal popular xulga este mes os acusados de matar a unha octoxenaria en Lérez
Por Natalia Puga |
-
A prisión os asaltantes dunha anciá de Lérez, días despois de que esta falecese
Por Oskar Viéitez |