O Edificio das Artes, de novo na axenda da Universidade de Vigo
Por Alejandro Espiño
O coñecido como Edificio das Artes, deseñado para ser a nova sede da Facultade de Belas Artes en Pontevedra, volve estar entre os plans de futuro da Universidade de Vigo. Así o avanzou o novo reitor, Manuel "Pachi" Reigosa, a preguntas de PontevedraViva.
Tras reunirse co alcalde de Pontevedra, Reigosa recoñeceu que o seu equipo reitoral estudará " algunhas ideas" para retomar este proxecto, previsto para unha parcela situada nos terreos da antiga Tafisa, a beiras do río Lérez e próxima ao campus da Xunqueira.
Non será, en todo caso, o edificio pensando no seu día. O reitor considera que era un proxecto "demasiado faraónico" e que para a institución educativa era "difícil de asumir", ao ser "enormemente caro" e, aínda que era " moi valioso" tamén era "un pouco irreal".
A universidade apostará por un inmoble "máis sustentable, intelixente e máis acaído en materia ambiental". Con el, explicou Pachi Reigosa, concluirase a construción do "campus físico" de Pontevedra e as necesidades quedarán cubertas para varias décadas.
O reitor entende que o actual edificio de Belas Artes "non cumpre" coas necesidades desta titulación, problemas que se agudizarán coa chegada do novo grao de Deseño e Creación que, salvo cambios sobre o calendario previsto, comezará a impartirse en Pontevedra no curso 2019-2020.
A maiores, a Universidade de Vigo aspira, segundo o seu novo reitor, a engadir un segundo grao ao campus pontevedrés, vinculado coa especialización do Campus Crea e que teña "sinerxias" coas titulacións xa existentes. Será o próximo ano cando se concrete o novo mapa universitario galego, unha vez se analice a oferta existente.
REUNIÓN CON LORES
Respecto da reunión con Miguel Anxo Fernández Lores, Pachi Reigosa explicou que a relación entre a universidade e a cidade é "excelente", aínda que engadiu que traballarán para reforzar "aínda máis" esta colaboración.
O alcalde, pola súa banda, destacou que o campus de Pontevedra é "pequeno pero con moito futuro" e celebrou que a "interrelación" coa cidade sexa cada vez maior. Así, prometeu que o Concello estudará "con todo cariño" todas as propostas que cheguen desde a institución educativa.
Relacionadas:
-
O campus de Pontevedra pelexará por introducir novas titulacións que "establezan sinerxias" coas xa existentes
Por Diego Espiño |
-
Captar alumnos en países de fala hispana e Brasil, reto do novo reitor da Universidade de Vigo
Por Redacción |
-
Forestais "non corre perigo", garante o rector, no novo mapa de titulacións
Por Alejandro Espiño |
-
O novo mapa de titulacións universitarias inclúe o grao de Deseño e Creación no campus de Pontevedra
Por Oskar Viéitez |
-
O reitor da Universidade de Vigo busca fórmulas para financiar o futuro Edificio das Artes
Por Redacción |