O Concello recoñece que haberá unha prórroga "moi pequena" nas piscinas de Campolongo
Por Alejandro Espiño
A tramitación administrativa do novo contrato de xestión das piscinas de Campolongo non terminará antes do 30 de xuño, data na que vence a vinculación -xa prorrogada en numerosas ocasións- da actual concesionaria, Serviocio.
O goberno municipal recoñece que é "evidente" que haberá que aprobar unha prórroga "moi pequena" para que as instalacións non queden sen servizo. O responsable de contratación, Raimundo González, explicou que esta ampliación de contrato " non debería" exceder o mes de duración.
A mesa de contratación reunirase este mércores, a partir das nove da mañá, para analizar o informe técnico sobre as propostas remitidas polas seis empresas licitantes.
Así, este documento valora o anteproxecto de obra presentado polas compañías que inclúe, entre outras cuestións, as solucións construtivas, o peche perimetral das instalacións, a iluminación do complexo deportivo, a superficie destinada a actividade deportiva ou os prazos de execución das obras de reforma integral.
Ademais, tamén se revisa o proxecto de xestión e explotación que se centra na integración das novas tecnoloxías, os recursos humanos, o equipamento deportivo, os servizos complementarios ou as medidas ambientais.
Nesta mesma reunión abrirase o sobre coas ofertas económicas das empresas.
CONTRATOS DE SEGUROS
A Xunta de Goberno aprobou, por outra banda, sacar a contratación por dous anos, a razón de 116.000 euros, os seguros do parque de vehículos do concello. Ademais, licitarase por 130.000 euros o seguro de responsabilidade civil. Contratarase tamén por dous anos.
Relacionadas:
-
Serviocio seguirá á fronte das piscinas de Campolongo os próximos vinte anos
Por Alejandro Espiño |
-
Serviocio ou Civis Global, unha das dúas xestionará as piscinas de Campolongo
Por Alejandro Espiño |
-
Marea propón a creación dun consorcio que regule o deporte da cidade
Por Redacción |
-
Seis empresas, interesadas en reformar e xestionar as piscinas de Campolongo
Por Alejandro Espiño |
-
O Concello agarda "moi boas ofertas" para explotar as piscinas de Campolongo
Por Alejandro Espiño |