O porto deportivo de Combarro acolle a primeira "Pop Up Store"
Por Oskar Viéitez
O Concello de Poio e as marcas Theco Comunicación e Exccape organizarán ao longo deste verán no porto deportivo de Combarro a primeira edición dun mercado efémero e especial orientado a potenciar fundamentalmente un novo escenario de dinamización económica e empresarial do municipio.
Nel, participarán 30 firmas e empresas expositoras maioritariamente galegas do mundo da moda, os complementos, a gastronomía e a artesanía e os agasallos.
Todas as marcas asistentes dispoñen de tendas físicas ou tendas on-line e presentan como denominador común na súa oferta comercial unha gran orixinalidade dos seus produtos e servizos.
Este mercado exclusivo, denominado Exccape 2018, celebrarase durante tres fins de semana alternas dos meses de xullo e agosto (14-15 de xullo, 4-5 e 18-19 de agosto), nunha época do ano na que a parroquia de Combarro é punto de atracción para miles de turistas, tanto nacionais como estranxeiros.
A localización exacta da Pop Up Store será nun dos laterais do gran edificio comercial e de servizos da mariña de Combarro, que será especialmente decorado durante os eventos e para o que se subscribiu un acordo de colaboración e arrendamento para ese efecto entre a empresa concesionaria e a marca Exccape.
A colaboración público-privada entre a Concellería de Promoción Económica e a marca Theco Comunicación, formalizada a través dun convenio específico para dar soporte ao desenvolvemento do mercado exclusivo, supuxo a posta en marcha dunha primeira experiencia piloto co obxectivo de que o proxecto supoña un novo aliciente para o xa enorme atractivo turístico do municipio.
O Concello de Poio, a través da Concellería de Promoción Económica, impulsora do proxecto de dinamización económica e empresarial previu a presenza de varios grupos de animación urbana e actividades audiovisuais de acompañamento durante os días en que se celebrará este mercado exclusivo.
Entre as firmas expositoras que confirmaron a súa presenza en Exccape Pop Up Store Combarro 2018 atópanse Nahuatl Store, Rouss Shoponline, Audrey & Me Shop, Somos Oceáno, Pattyco, Paso de Cebra y Patt & Palo, todas elas representativas do mundo da moda, así como Dopiache, VN Store, Las Flores de Greta, La Señorita Pepis, Con Y Griega Complementos e Jerolas, todas elas do sector dos complementos, e, finalmente, Meraki, especializada no mercado de agasallos.
Sendo todas as marcas e firmas galegas, supoñerá a presenza de 60 traballadores durante todos os días en que se celebre cada unha das tres fins de semana do evento.
A organización chegou a un acordo cos hostaleiros da zona para que se ofrezan prezos especialmente reducidos para expositores durante os días nos que se celebrará o evento.