As obras do vial Xustáns-Rañadoiro estarán rematadas antes de final de ano
Por Redacción
As obras de mellora do vial entre Xustáns e O Rañadoiro, en ponte Caldelas, iniciaranse nunhas semanas e estarán rematadas antes de final de ano. A empresa responsable de executalas, Tragsa, comunicoullo ao alcalde, Perfecto Rodríguez, durante unha visita á zona na que se acometerán as obras realizada este mércores.
A actuación enmárcase no convenio correspondente ao Plan Estratéxico e Infraestruturas non Medio Rural (PEIM), asinado entre o Concello e a Conselleira do Medio Rural e do Mar o pasado mes de xullo. Este convenio considera a mellora dun quilómetro do vial que une a zona coñecida como Cruz do Brasil, na parroquia de Xustáns, co límite do municipio de Pontevedra.
Con esta obra completarase a mellora deste vial que comunica a estrada de Xustáns co municipio de Pontevedra no lugar de Rañadoiro iniciada en 2011. Trátase dun vial moi deteriorado pola localización na zona de varias canteiras e o paso de camións de gran tonelaxe.
O tramo deste vial que discorre dentro do termo municipal de ponte Caldelas tiña unha lonxitude de 2,5 quilómetros, o que "supoñía un importante custo que o Concello non podía asumir de golpe. Por iso a idea do alcalde foi afrontar a mellora deste vial por fases incluíndoas en distintos plans de obras", explica o Concello nun comunicado.
En 2011 xa se acometeu a mellora do acceso sur nun tramo de 1.400 metros lineais entre a estrada provincial e o cruzamento de Cruz do Brasil que comunica con Cristo Rei.