O concurso gastronómico Caldelas Tapas volverá encher as noites de venres
Por Redacción
A cuarta edición do concurso gastronómico Caldelas Tapas volverá ocupar as noites de venres do mes de xullo nos locais de hostalería de Ponte Caldelas. O xurado profesional formado polo cociñeiro Sergio Orge (gañador do concurso galego de tapas e xerente da cafetería Plaza, en Barro) e Conchi Amoedo (responsable da firma local Pica e Peca) fixeron a cata previa das elaboracións e depositaron, en sobre lacrado, o seu veredicto. O fallo será dado a coñecer a principios de agosto, unha vez rematado o certame.
Un total de 13 establecementos participan nesta cuarta edición do certame que se ten revelado como un éxito e que xa alcanzou as 6.000 racións vendidas o pasado ano.
O xurado valorou especialmente a calidade das propostas gastronómicas e salientou tamén a abundancia das tapas, que se seguirán vendendo ao prezo de 2,50 euros con bebida básica incluída. O xurado volveu destacar a "xenerosidade" das tapas, que van máis alá dos dous bocados habituais, ata o punto de que máis ben poden cualificarse como racións. A calidade quedou tamén acreditada, especialmente, con algunhas das propostas.
O Concello elaborará nos próximos días o folleto e o cartel informativo para o público, que axudarán realizar a típica ruta polos locais de tapas de Ponte Caldelas.O calendario sitúa as noites de tapas nos días 6, 13, 20 e 27 do próximo mes.
Os participantes deste ano son: Tapería Alalá (Delicia de Verano), Verdugolandia (Chipirones rellenos), O Recanto (Dona Burguer), La Tribu (Flecha Marina), Acuña (O cóctel de verán), Asador del Chavo (Brocheta de pollo y sésamo con mayonesa de soja), Albergue Jamarte (Pincho marinado sobre migas y pesto), La Cucharita (Cucharita al escabeche), Cervecería Alameda (Delicias del parisién), Mesón Nolito (Dulce y salado), Mesón Parada (Brocheta de ultramar), Bora Río (Pan de allo con richada mixta) e Casa 501 (Milhojas de solomillo).