Sanxenxo deixa para setembro a remodelación do parque da Panadeira
Por Redacción
O goberno local de Sanxenxo decidiu deixar para despois do verán as obras de remodelación do parque da Panadeira e a súa contorna.
Hai uns meses o goberno solicitou unha subvención á Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio para a remodelación e ampliación do parque da Panadeira.
Esta semana comunicáronlles vía rexistro municipal a concesión dunha axuda por importe de 366.268 euros, que xunto cunha achega de 91.568 euros de fondos municipais, permitirá acometer unha profunda reforma do parque da Panadeira, por un importe total de 457.836 euros. O proxecto ten un prazo de execución de seis meses.
O proxecto inclúe a ampliación do parque de maneira que o espazo que agora ocupan os coches aparcados (4) incorpórase como espazo peonil, quedando o viario de acceso para a depuradora e para as máquinas que limpan as praias que hai a cada lado do parque.
A mellora inclúe a creación dunha pista polideportiva de 240 metros cadrados, valada con postes fixos de aluminio e unha rede, dotada co equipamento propio dunha pista de baloncesto, balonmán e futbol sala. O proxecto tamén prevé a ampliación da zona de xogos infantís coa incorporación de elementos novos, moito máis atractivos e variados que os que hai agora.
Tamén se instalará unha pérgola para protexer do sol e doutras inclemencias, dotarase ao parque de novo mobiliario e levará a cabo unha completa remodelación das zonas axardinadas e tamén substituirase do pavimento con dous acabados, lousa de formigón e zonas con formigón impreso.
En resumo, trátase de humanizar unha zona moi concorrida polos veciños nun sitio privilexiado que permitirá dar continuidade ao paseo marítimo que chega á praia de Panadeira e que está previsto prolongar mediante o novo paseo marítimo de Lavapanos e A Carabuxeira.