A noite máxica de San Xoán iluminará toda a comarca de Pontevedra
Por Redacción
Xa está aquí o día de San Xoán, o arranque do verán. Na noite máis longa do ano, como vén sendo tradición, as cacharelas iluminarán unha xornada de troula que se vivirá en todos os recunchos da comarca de Pontevedra. Medio milleiro de fogueiras foron autorizadas polos concellos.
PONTEVEDRA
No caso da cidade de Pontevedra, segundo os datos facilitados polo Concello, arderán 131 cacharelas na noite de San Xoán.
Dezasete delas serán na cidade e o resto nas parroquias do rural: 6 en Alba, 18 en Bora, 9 en Campañó, 5 en Cerponzóns, 9 en Lérez, 8 en Lourizán, 10 en Marcón, 10 en Mourente, 21 en Salcedo, 4 en Tomeza, 5 en Verducido, 4 en Santo André de Xeve e 5 en Santa María de Xeve.
Os bombeiros revisarán a seguridade das fogueiras para que todo estea en orde para que a noite de San Xoán discorra sen incidentes co lume. Ademais, haberá un dispositivo especial pola noite para intervir se fora preciso.
PONTE CALDELAS
A tradición das fogueiras de San Xoán e San Pedro manterase viva en Ponte Caldelas. O Concello autorizou un total de 43 para a noite máxica do 23 ao 24 deste mes e outras 19 para a noite do 28 ao 29 deste mes, festividade de San Pedro.
Polo San Xoán o "lume purificador" arderá especialmente en A Reigosa, onde se autorizaron ata sete fogueiras; con catro lumes aparecen Cuñas, Tourón, Caldelas e Buchabade; con tres, A Insua, e xa o resto de lugares con autorización municipal con dúas ou só unha cacharela.
O goberno local despregará un operativo de seguridade que implica á Policía Local, en colaboración coa Garda Civil. Ademais, manterá alerta á dotación do camión motobomba municipal para atender calquera posible incidencia.
BUEU
En Bueu, pola súa banda, serán vinte e oito fogueiras, tanto en terreo público como privado.
Así, haberá cinco cacharelas en terreo público, concretamente dúas na praia da Banda do Río, unha na de Loureiro e outra en Beluso, e no parque de Xexide. As restantes corresponden a fogueiras que se van realizar en terreos privados.
SANXENXO
157 serán as cacharelas na noite de San Xoán. Entre todas elas, 14 corresponden a praias con Silgar (5) e Caneliñas (4) á fronte. Haberá tamén en Agra, Nanín, Carabuxeira, Lavapanos e Panadeira.
O Concello recorda que este ano non está permitido facer fogueiras en praias con dunas o que estean dentro da rede natura. Así, haberá un dispositivo de control especialmente en Montalvo para impedir a festa que, nos últimos anos, se realizaba na zona.
Tamén haberá un dispositivo de limpeza especial nas praias para que, contra as dez da mañá do día seguinte, xa estean completamente limpas.
CERDEDO-COTOBADE
A praia fluvial de Cerdedo acollerá, como é tradición, unha multitudinaria festa de San Xoán na que se xuntarán un milleiro de persoas. Ante esta elevada participación haberá requisitos de circulación e estacionamento.
Este operativo contempla que o acceso ao recinto da festa desde a zona de Carballedo, é dicir, desde a estrada EP-0401 en dirección á N-541, se realice a través de Caroi-Cavadosa-Abelaíndo-Meilide, quedando prohibida a baixada pola contorna da Chamadoira.
Respecto aos aparcamentos, recomendan a todos os asistentes que empreguen as zonas de estacionamento habilitadas na Rúa da Constitución e na finca anexa á capela de San Antón.
Relacionadas:
-
Lapas de San Xoán, purificadoras, máxicas e festivas
Por Diego Torrado & Oskar Viéitez |
-
Churrasco do xeito
Por Oskar Viéitez |
-
As festas de San Xoán levan á Garda Civil de Tráfico a incrementar os controis de alcohol e drogas
Por Redacción |
-
A Policía Local de Poio activa o plan de tráfico especial polas Festas de San Xoán
Por Redacción |
-
Ábrese o prazo para adquirir os tiques para asistir á festa de San Xoán de Cerdedo
Por Redacción |