Eva Lantarón repite como decana da facultade de Fisioterapia
Por Redacción
A profesora Eva María Lantarón, que foi decana da facultade de Fisioterapia entre os anos 2013 e 2016, repetirá no cargo durante outro mandato despois de impoñerse na votación celebrada este venres na Xunta de Facultade.
Lantarón obtivo dez votos favorables e dúas abstencións. Era a única candidata e presentaba un equipo que completan as docentes Mercedes Soto como vicedecana e Rocío Abalo como secretaria académica.
A xa nova decana releva ao profesor Rafael Durán, que exerceu ao longo do último ano como decano en funcións, e faino con dous retos principais de futuro: a modificación do plan de estudos do grao e traballar na consecución dun mestrado para o centro.
Tras recibir o apoio da Xunta de Facultade, nunha votación á que acudiron 12 dos seus 17 membros, esta profesora titular do Departamento de Bioloxía Funcional e Ciencias da Saúde inicia "con ilusión e gañas de traballar" unha nova etapa á fronte dun centro do que destacou "o bo traballo que se vén facendo, xa que penso que é unha facultade con moita calidade".
Diplomada en Fisioterapia pola Universidade de Vigo e doutora pola Universidad de Málaga, esta docente da Área de Fisioterapia, quen exercera previamente como vicedecana e secretaria académica da facultade entre os anos 2004 e 2013, estará acompañada na dirección por dúas docentes tamén da Área de Fisioterapia, constituíndo o primeiro equipo decanal integrado exclusivamente por mulleres nesta facultade.