Ollo! A centola e o boi, en veda na provincia ata novembro
Por Redacción
A Consellería do Mar alerta de que este sábado 23 de xuño comeza a veda da centola e do boi na parte litoral que cobre desde A Guarda ata Cabo Corrubedo e de Cabo Corrubedo ata Cabo Estaca de Bares. A prohibición de capturar estas especies manterase ata as 00.00 horas do domingo 11 de novembro.
A campaña da centola iniciouse o 1 de novembro de 2017. Desde esa data vendéronse nas lonxas galegas máis de 518 toneladas do crustáceo logrando unhas vendas que superan os 4,5 millóns de euros, segundo os datos provisionais que manexa a Xunta de Galicia. Estas cifras supoñen un 96% de incremento de produto e un 27% máis de facturación que os datos rexistrados durante a campaña anterior.
En canto ao boi descargáronse máis de 17 toneladas desde o 1 de novembro de 2017 en Galicia. O importe ascende a máis de 130.000 euros.
Desde a consellería lémbrase que este período de veda prohibe a captura destas especies para todas as embarcacións na comunidade. As que traballan con nasas deberán retiralas do seu calado e levalas a porto.
Con esta medida búscase aumentar a biomasa e regular a pesca da centola e do boi co fin de axustar as capturas ao ciclo de vida, protexendo a súa reprodución.