Dúas traballadoras do Museo denuncian á Deputación por contratacións irregulares
Por Alejandro Espiño
Gabriela leva traballando de forma intermitente para o Museo de Pontevedra desde 2013, sempre con bolsas ou contratos temporais. Unha das súas compañeiras, Marta, está nunha situación similar desde 2014. Ambas, tras consultar cun avogado, presentaron unha denuncia contra a Deputación de Pontevedra por supostas contratacións irregulares.
As dúas forman parte do gabinete didáctico do Museo. Dedícanse, entre outras cuestións, a atender aos visitantes de todos os seus edificios, incluídas as ruínas de Santo Domingo, dirixir as visitas guiadas e organizar os talleres que se celebran de forma periódica.
Este gabinete, actualmente, está formado actualmente por seis traballadores fixos, dous interinos e oito traballadores temporais. A metade deles, por tanto, non teñen unha relación laboral estable co Museo, algo que, segundo afirman, é unha "fraude de lei" ao ser unha maneira de "non encadear contratos" aínda que os postos para cubrir sexan os mesmos.
Segundo recolle a súa denuncia, a necesidade que cobren estes contratos temporais é "permanente" e, a pesar diso, a Deputación recorre a distintos tipos de contratos "rotando entre os traballadores" que, normalmente, "sempre somos os mesmos".
Así, explican, "o normal é que traballemos un ano, nos manden ao paro uns meses, nos substitúan por outras persoas e nos volvan contratar despois". Todo iso, engaden, para non superar o tempo de contratación permitido "e non facernos indefinidos".
"Aprovéitanse de que a xente quere traballar e ao final conseguen que a xente se vaia porque se cansan de loitar", aseguran as dúas traballadoras que, antes de acudir ao xulgado, trataron de resolver o conflito co novo goberno. Pero sen éxito.
Agora será un xuíz quen determine se ambas as traballadoras deben ser consideradas como indefinidas. O primeiro dos xuízos está sinalado para o próximo mes de xaneiro.
Tamén lles valería, aseguran, que no seu defecto se convoque un proceso selectivo para consolidar eses oito postos de traballo temporais "aínda que haxa a posibilidade de que a praza non sexa para nós se non aprobamos", xa que reiteran que non se trata dunha loita persoal senón colectiva.
"É ILEGAL RENOVALAS"
Desde o goberno provincial, con todo, trasladan unha interpretación radicalmente diferente. Aseguran que o contrato destas dúas traballadoras, de carácter temporal, termina nos próximos días e os servizos técnicos conclúen que "é ilegal renovalo".
Entenden que ambas teñen "todo o dereito" a acudir á xustiza e engaden que respectarán "escrupulosamente" o que ditamine o xuíz do caso.
A este respecto, unha resolución da propia Deputación explica que todos os contratos asinados "son independentes entre si", derivan de distintos postos ou actividades e están fundamentados en causas diversas que, en todo caso, "non son permanentes".
Están "condicionados", explican, a períodos de baixas ou vacacións, exposicións temporais, novas actividades ou o incremento no número de visitantes.
O informe conclúe que "non existe fraude" na contratación e que a relación laboral "cumpre os requisitos e condicións esixidas", nega que se encadearan contratos e lembra que a administración "non pode declarar" a condición de indefinido non fixo a persoal con contrato ou nomeamento de carácter temporal.