O PP de Poio disposto a axudar aos clubes deportivos ante as restriccións de Portos de Galicia
Por Oskar Viéitez
O voceiro de Deportes do Partido Popular de Poio, Tucho Muíños, anunciou este xoves que o Partido Popular ponse "a disposición de todos os clubes deportivos de Poio para axudarlles a celebrar calquera evento deportivo" en terreos que dependan da autorización de Portos de Galicia.
A reacción dos populares xurde tras a polémica suscitada no Concello de Poio pola denegación de Portos de Galicia de utilizar o peirao de Campelo para desenvolver unha proba de tríatlon. As queixas de Poio non son as únicas que recibiu o ente autonómico por casos semellantes noutros concellos.
Os populares culpan ao goberno local de Poio por "apostar pola confrontación e intentar manipular aos colectivos".
Segundo o PP, "a concelleira de Deportes anunciou pola súa conta a denegación de permisos para eventos que aínda nin sequera foron notificados", polo que "parece máis interesada en suspender eventos deportivos que en axudar a celebralos", conclúen.
No PP de Poio din aos clubes estar dispostos a axudarlles a celebrar esas probas, ben explicando os criterios de seguridade e os requisitos de presentación ou incluso axudando a facer alegacións en caso de discrepancias na interpretación da normativa.
Desde o PP matizaron que "no caso de Campelo é máis complicado, porque xa non queda tempo e hai un novo itinerario presentado, pero as probas que se celebrarán máis adiante, estamos á súa disposición para buscar solucións".
Relacionadas:
-
Cronometraxe electrónica e mellores premios, novidades na III Travesía a Nado de Raxó
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido |
-
Poio consegue o OK de Portos de Galicia para os seus eventos deportivos, o primeiro o 3x3 Armadiña
Por Diego Espiño |
-
Farto da actitude de Portos, Poio pide a desafectación da Praza da Chousa
Por Oskar Viéitez |
-
En perigo varios eventos deportivos en Poio por un cambio de normativa de Portos de Galicia
Por Diego Espiño |