Sacan a licitación os quioscos, terrazas e tumbonas de Baltar, Montalvo e Major
Por Redacción
O ente público Turismo de Sanxenxo acaba de facer público o prego de condicións para o concurso dos servizos de tempada alta nas praias de Baltar, Montalvo e Major, que saen a licitación por un ano con posibilidade de dúas prórrogas máis dun ano cada unha, isto é, para as tempadas 2018, 2019 e 2020.
As empresas interesadas en presentar as súas ofertas poderán facelo ata o vindeiro martes día 26, podendo optar a un só lote ou a varios.
O lote A corresponde á praia de Baltar e inclúe a instalación dun quiosco, a terraza e unha caseta para almacén. Ten un prezo base de 6.000 euros + IVE e un canon de 2.560 e fianza de 1.600.
O lote B corresponde á praia de Montalvo para a instalación de dous quioscos, dúas terrazas e casetas para almacén, cinco hidropedais e 50 tumbonas. Ten un prezo base de 18.000 euros + IVE, un canon de 6.000 e unha fianza de 2.700 euros.
O lote C corresponde á praia de Major, cun prezo base de 4.000 euros + IVE e un canon e unha fianza de 2.730 e 1.350, respectivamente. Prevé a instalación dun quiosco, unha terraza, un almacén, tres hidropedais e 15 tumbonas.