Que é o servizo NoticiAJE?
Por Oskar Viéitez
A Asociación de Jóvenes Empresarios (AJE Pontevedra) puxo en marcha este mércores un sistema de notificacións vía WhatsApp ao que chamaron "NoticiAje".
Segundo explicou o presidente de AJE Pontevedra, Pablo Fernández e o responsable desta iniciativa, Ignacio Cubelas, o servizo está dispoñible para calquera persoa física ou xurídica (asociada ou non) interesada.
A asociación busca converterse nunha "referencia social" non só para aqueles que a integran senón para o público xeral.
Funciona dunha forma moi sinxela. A través dunha previa autorización do interesado a un número de teléfono, este poderá recibir de forma instantánea información relevante (axudas, eventos, cambios normativos, etc.) no seu móbil a través da coñecida plataforma de mensaxería WhatsApp.
NETWORKING CON VICTOR NOGUEIRA
A fin de fortalecer a cultura empresarial local, Pablo Fernández informou dunhas xornadas que promove a asociación denominadas "Networking", ou o que é o mesmo, encontros de negocios e intercambios empresariais entre todos os seus membros.
Será o vindeiro martes 26 de xuño ás 19 horas e terá como anfitrión a Victor Nogueira, que recibirá aos seus invitados nas instalacións da súa empresa Grupo Nogar no peirao comercial do Porto de Marín.