Fase final para a contratación das obras da estrada de Dorrón

Por Redacción
A tramitación administrativa das obras para rematar a mellora da estrada de Dorrón está na súa fase final. Así o manifestou este martes o deputado de Mobilidade, Uxío Benítez, quen asegurou que a Deputación ten xa redactado o novo proxecto para a estrada provincial EP-9213, informado polo servizo de Intervención e en proceso de licitación cun orzamento de 387.978,94 euros.
O nacionalista destacou que a institución provincial poderá comezar a recibir ofertas das construtoras interesadas nas obras de maneira inminente, unha vez que se publique o anuncio na plataforma dixital.
Os novos traballos que rematarán a estrada de Dorrón consisten en crear áreas reservadas aos peóns, dar continuidade ás beirarrúas existentes unindo cun itinerario peonil seguro a estrada PO-308 coa zona de Dorrón, onde se atopa, entre outros elementos de centralidade, o CEIP Magaláns, moi usado por rapazas e rapaces.
Tamén se solucionará o problema dos postes de telefonía, electricidade e alumeado público soterrando o cableado, que agora vai polo medio da estrada, e se instalarán 28 novas luminarias. Crearase ademais unha rede de evacuación de augas pluviais e se delimitará unha zona de estacionamento.
O deputado Uxío Benítez quixo lembrar, ao anunciar a inminente contratación das obras, que a Deputación "estivo anos agardando polo Concello de Sanxenxo para que entregara as cesións dos terreos necesarios", polo que se mostrou sorprendido de que recentemente o Concello saíse "pedindo axilidade".
Relacionadas:
-
A empresa Narom comezará despois do Nadal a reforma da estrada de Dorrón
Por Redacción |
-
Remata a instalación da escaleira que conecta a estrada provincial de Dorrón coa zona do Outeiro
Por Redacción |
-
Telmo Martín pide á Deputación que remate a estrada de Dorrón, que leva tres anos con postes no vial
Por Redacción |