O Sequelo quere poñer en valor o río Lameira
Por Redacción
O CEIP O Sequelo levou a cabo este martes a última fase do proxecto bianual 'Arredor do Lameira' deste centro coordinado polo Equipo de Dinamización Lingüística. As dinámicas acometéronse con lecturas de lemas e poemas, ademais da catalogación das árbores do río.
Este proxecto ten como obxectivo poñer en valor o río que transcorre ao redor do colexio. Con esta actividade quérese fomentar, segundo o goberno local, o coidado e a conservación do río coñecido como Lameira ou Lameiriña a través deste tipo de actividades ambientais. Con estas iniciativas, os escolares estudan a fauna, a flora e as construcións máis significativas que manteñen algunha relación co río.
Os estudantes de primeiro curso e de sexto leron lemas e poemas para, a continuación, colocar unhas placas nas árbores.
RECONSTRUCIÓN DO CRUCEIRO NAS SETE ESPADAS
O Concello puxo en marcha a rehabilitación do cruceiro das Sete Espadas en Mogor. Este elemento fora derrubado despois de que se producise un accidente nesa zona.
O goberno local levou a cabo un proxecto técnico, que xa conta coa autorización favorable de Patrimonio para que se acometa a súa reconstrución.