O 2 de setembro, todos ao campus
Por Redacción
O alumnado da Universidade de Vigo volverá ás aulas o vindeiro 2 de setembro, terá marxe para examinarse das materias do primeiro cuadrimestre ata o 18 de xaneiro e rematará o curso, á falta da convocatoria de xullo, antes do 31 de maio de 2014.
Estas son algunhas das datas claves do calendario académico do curso 2013-2014, aprobado este martes en Consello de Goberno, e que xa está axustado ao Plan Boloña e harmonizado con Europa.
O reitor da Universidade de Vigo, Salustiano Mato, fixo fincapé no difícil momento que está a atravesar a universidade pública española, sometida a unha presión externa "moi importante". Salientou que é o momento de maximizar a unidade de acción de todos os axentes da comunidade universitaria, independentemente dos matices, "xa que hoxe por hoxe estas pequenas diferenzas son algo absolutamente irrelevante comparadas coa forza necesaria da unión de todos para defender a universidade tal e como a coñecemos".
Neste contexto, o Consello de Goberno acordou apoiar as iniciativas da Conferencia de Reitores das Universidades Públicas Españolas, CRUE, conducentes a impulsar a reforma da Lei de Orzamentos do Estado, "o maior ataque á autonomía universitaria da historia da democracia".
"Trátase de instar a que se cambie a redacción para que a oferta de emprego público, sen contradicir os obxectivos que lle marca Europa, non teña que ver coa taxa de reposición, senón só con criterios económicos", subliñou o reitor, ao tempo que puxo en valor todas aquelas iniciativas de acción conxunta que defendan a Universidade "fronte a todas as normativas e leis inxustas, pero sen esquecernos de que son leis e, por moito traballo que fagamos contra elas para que se cambien, temos obriga de estar a cuberto e cumprilas".
Sen cambios con respecto ao curso pasado, o Consello de Goberno deu tamén o visto e bo á convocatoria de prazas de aloxamento para o vindeiro curso. En total serán 497 as prazas de aloxamento nos tres campus: 218 prazas no Complexo Residencial o Castro en Vigo; 70 na residencia concertada A Peregrina de Pontevedra; 189 nas Burgas de Ourense e 20 no centro de ALCAI en Allariz.