Convocan oito novas prazas na Policía Local para cubrir xubilacións
Por Alejandro Espiño
O Concello inicia os trámites para reforzar o persoal da Policía Local de Pontevedra. A Xunta de Goberno aprobou a convocatoria de oito novas prazas que servirán para cubrir vacantes creadas no servizo por xubilacións.
O portavoz do goberno municipal, Raimundo González, explicou que unha vez se publique esta oferta de emprego no Boletín Oficial do Estado (BOE) os interesados terán vinte días para presentar as súas solicitudes.
En concreto, cinco destas prazas serán para policías locais. Tres serán de acceso libre e outras dúas estarán reservadas a mobilidade, é dicir, a axentes dos corpos municipais doutros concellos que queiran incorporarse ao persoal de Pontevedra.
O reforzo da Policía Local complétase con tres prazas para oficiais, os antigos cabos. Todas elas, neste caso, serán de promoción interna.
CONTRATOS DE RISGA
O goberno municipal tamén aprobou a contratación de 20 persoas perceptoras da Renda de Integración Social de Galicia (RISGA), que traballarán durante seis meses en diferentes servizos municipais: a brigada de obras (12), a brigada de xardíns (6) e cemiterios (2).
O Concello solicitará aos servizos públicos de emprego que remita unha listaxe cos candidatos e, a partir de aí, comezará o proceso selectivo que terá en conta a experiencia laboral dos solicitantes e incluirá unha proba práctica.
A intención do Concello é que estas persoas estean a traballar xa a principios do mes que vén.
Relacionadas:
-
O Concello activa o proceso para contratar 26 novos traballadores
Por Alejandro Espiño |
-
Lores asegura que "non hai ningunha xustificación laboral para non chegar a un acordo neste concello"
-
Os sindicatos da Policía Local denuncian unha "terrible insolidariedade" na negociación laboral co Concello
Por Redacción |