Trescentos rapaces de Primaria coñecerán no Salgueiral a vida no rural galego
Por Redacción
Coñecer o rico patrimonio cultural, ambiental e paisaxístico do rural pontevedrés. ÿ o obxectivo da terceira edición de visitas guiadas lúdico-educativas sobre o rural para escolares que poñen en marcha o Concello de Pontevedra e a Comunidade de Montes do Salgueiral (Bora). Nelas participarán uns 300 rapaces de segundo, terceiro e cuarto de Primaria entre os días 8 e 31 de maio.
Segundo explicaron o concelleiro Miguel Filgueira e o presidente da Comunidade de Montes, José Bravo, esta actividade pretende poñer en valor entre os propios veciños, e tamén no resto do concello, o esforzo de recuperación do patrimonio histórico e natural do Almofrei. Como novidade, nesta ocasión os veciños do Salgueiral terán un protagonismo especial porque abrirán as súas casas "para amosar o lagar, o hórreo, o alpendre ou o forno".
Ao longo das visitas, que se farán durante varias mañás (de 10.00 a 13.30 horas), os rapaces percorrerán a aldea seguindo as pistas dun xogo que os achegará á vida cotiá do campo: sacar os animais a pacer nas leiras, coñecer os cereais, coñecer as partes dunha casa tradicional galega, moerán o gran de millo previamente recollido ou verán como se coce o pan no forno de leña. Todo iso axudados en todo momento polos veciños do lugar.
Por exemplo, a señora Laura amosará o seu curral con todos os aperos típicos, o señor Basilio falará do millo e de como se debulla ou se moe ou como se montaba o palleiro, ou o señor Evangelino explicará o mundo do gando nas casas galegas. "ÿ moi importante que os rapaces coñezan todos estes recursos e se familiaricen con eles", destacou Desiré Vidal, unha das organizadoras desta iniciativa.
As visitas, que teñen carácter gratuito, se celebrarán os seguintes días:
- Mércores 8: CEIP Santo André de Xeve
- Venres 10: CEIP San Benito de Lérez
- Martes 21: CEIP Príncipe Felipe
- Mércores 22: CEIP Marcos da Portela
- Xoves 23: CEIP Marcos da Portela
- Martes 28: CEIP Cabanas
- Mércores 29: CEIP Parada (Campañó)
- Xoves 30: CPR Sagrado Corazón de Placeres
- Venres 31: CEIP Xunqueira II