Louro acepta o "cheque en branco" do PP sobre o PXOM e Mosquera cualifícao de "xogos florais"
Por Alejandro Espiño
A disputa política en torno ao PXOM de Pontevedra tomou un xiro inesperado. Despois de que o PP ofrecese ao goberno municipal un "cheque en branco" para aprobar o novo planeamento, unha proposición reiterada no pleno municipal deste luns, o PSdeG-PSOE móstrase disposto a escoitar esa oferta. Así o asegurou o seu portavoz, Antón Louro. Pero iso si, con condicións.
Antón Louro recordou que os socialistas sempre defenderon que o PXOM é unha "prioridade" para dotar a Pontevedra do planeamento que necesita, pero afirmou que haberá que ver se ese cheque en branco "ven condicionado polo que a outro nivel poda dicir a Xunta". Entende que se o goberno galego insiste en reducir a edificabilidade rural e urbana "o PXOM sería empobrecedor para a cidade".
En todo caso, o portavoz socialista, que reiterou que o seu grupo é "absolutamente leal" ao BNG, destacou que "cremos que sería bo que o PXOM non fora un PXOM dun partido ou dun goberno, senón que os tres partidos se comprometesen con el". Dixo que non queren que o PXOM "se convirta nun elemento de confrontación". Por iso é polo que lle pida ao PP que "se fan unha oferta sinceira, sexan discretos e que a esixencia do plan non se meta na contenda política".
Desde o grupo municipal do PP, Ricardo Aguilar recordou este martes que Pontevedra "no puede seguir sin PXOM". Entende que os pontevedreses "lo necesitan" e pediu que se Mosquera, o concelleiro responsable do seu tramitación, "no tiene interés en sacarlo adelante, que pongan a otro". Explicou que fronte á "inquietud" do BNG sobre este asunto, os populares "mantenemos la misma línea".
Fronte aos reparos que pode poñer a Xunta de Galicia, Ricardo Aguilar indicou que o goberno galego "lo único que exige es que se cumpla la ley del suelo" e que non se vai a meter en "como distribuyamos y ordenemos la ciudad". En todo caso, sinalou que o PP está "harto" de que Pontevedra siga sen un desenvolvemento urbanístico aprobado e reiterou que "si el gobierno no hace nada en este asunto no nos callaremos, lo diremos cada vez más alto".
PARA MOSQUERA TRÁTASE DE "XOGOS FLORAIS"
Pero a oferta do PP e a disposición do PSdeG-PSOE recibiron do BNG o mesmo cualificativo. Segundo César Mosquera trátase de "xogos florais". Recordou que Pontevedra é unha cidade cuxo urbanismo "está sendo modelo na Península Ibérica e en toda Europa" e destacou que non coñece ningún exemplo dun PXOM adaptado, como o vixente en Pontevedra, "que tivera feito un urbanismo tan recoñecido, valorado e de tanto éxito".
"Son xogos florais tanto a oferta do PP para intentar cargarse o que noso grupo ten defendido desde sempre, como a resposta dos socialistas que non se corresponde coas declaración anteriores sobre este asunto", afirmou Mosquera. O edil nacionalista concluíu afirmando que "nós estamos ocupados en cousas máis importantes, como facer do noso urbanismo un modelo para todos".