Unha detida por drogas levaba anos facéndose pasar por unha muller de Móstoles
Por Natalia Puga
A Policía Nacional logrou localizar o luns unha muller de 47 anos á que buscaba dende abril de 2011 por un delito de tráfico de drogas polo que fora detido un suposto socio. Co seu arrestro non só resolveron aquel delito pendente, descubriron que neste tempo estivo a dedicarse á venda de drogas e que dende hai anos usurpaba a identidade dunha muller residente de Móstoles sen o seu coñecemento.
A muller, veciña de Vilagarcía e con antecedentes policiais, foi detida como presunta autora dun delito de tráfico de cocaína e hachix e usurpación de identidade. En relación con este segundo delito, cometíao na contratación de subministracións de enerxía ou contratos de aluguer de pisos e outros sen que a veciña de Móstoles tivese coñecemento de nada.
Co seu arrestro tamén se cumpriu con dúas ordes de busca e captura sobre ela que ditaran dous xulgados de Ourense. Un decretara unha orde de detención e ingreso en prisión para cumprir unha condena por tráfico de drogas e outro ordenara a súa posta a disposición xudicial.
A muller estaba implicada nunha operación antidroga en 2011 da que logrou fuxir
Os feitos que desencadearon na súa detención remóntanse a abril de 2011, cando a Policía Nacional detivo un veciño de Barrantes (Ribadumia) e lle interveu cocaína, hachix e substancia de corte nunha operación na que a detida estaba implicada, pero logrou fuxir.
O Grupo de Tráfico Medio de Estupefacientes da Comisaría de Pontevedra seguiu as investigacións e descubriu que a muller estivo residindo en diversos municipios da comarca do Salnés. O seu último domicilio ou establecera en Vilagarcía, onde logrou ser detida no portal despois dun dispositivo de vixilancia.
No rexistro do piso no que residía os axentes encontraron diveras cantidades de droga: unhas 1.690 doses de cocaína, máis de 300 gramos de substancia de corte e 500 gramos de hachix. Tamén o interviñeron útiles para manipulación e preparación da cocaína intervida. Xunto coa detida, todo foi posto a diposición do Xulgado de Garda de Vilagarcía.