O PP de Poio solicita á Xunta máis luz no acceso á autopista en Lourido
Por Redacción
O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, recibiu este martes ao portavoz do PP de Poio, Ángel Moldes, para analizar unha demanda veciñal en relación a necesidade de mellorar na iluminación e seguridade viaria no acceso á autopista AP-9 en Lourido.
Segundo explicou o portavoz popular, os veciños desta zona transmitíronlle a súa preocupación pola falta de luminarias neste entorno "que pon en risco a seguridade dos peóns e dos propios vehículos".
Ángel Moldes explicoulle a Cores Tourís que na actualidade o crecemento urbanístico desta zona provocou o aumento tamén da presenza de numerosos veciños que transitan polas inmediacións deste acceso. "A falta de luz nestes intres pon en risco a estes peóns, en especial na época do inverno cando se fai de noite moito antes", asegurou. "O noso obxectivo é que se instalen luminaria ao longo duns 460 metros o que permitiría garantir a seguridade viaria neste entorno ata a rotonda da PO-308", recordou o portavoz popular que neste tramo existen dous pasos de peóns e unha parada de autobús.
O delegado territorial da Xunta en Pontevedra recolleu a demanda de Ángel Moldes e trasladoulle a súa intención de visitar este acceso co obxectivo de avaliar, xunto aos técnicos da Xefatura Territorial de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, a posibilidade de instalación destas luminarias.
"Estudaremos o número de farois necesarios neste vial, rematou Cores Tourís.