A Deputación construirá unha nova senda peonil na baixada á praia de Aguete en Marín
Por Redacción
A Deputación de Pontevedra vai construír unha nova senda para mellorar a seguridade viaria e a mobilidade peonil na estrada provincial EP-1205 na baixada á praia de Aguete, no Concello de Marín. O deputado de Mobilidade, Uxío Benítez, así llo transmitiu este venres á alcaldesa María Ramallo nun encontro no que se perfilaron cuestións do proxecto co persoal técnico provincial.
A actuación ten un orzamento que sobrepasa os 230.000 euros e executarase en virtude a un convenio de colaboración entre a Deputación e o Concello. O financiamento repartirase ao 70%-30%, e contemplarase a posterior transferencia da vía ao municipio.
O treito que se pretende mellorar é unha zona estreita da estrada provincial que discorre entre muros de peche de propiedades e edificacións para acceder á praia de Aguete.
As obras proxectadas consistirán na ampliación da superficie de viaria co fin de dotala dunha beiravía por unha banda e por outra dunha senda peonil de 2,5 metros de largo separada da calzada mediante fitos basculantes de 75 centímetros de alto.
JOSÉ DEL RÍO E GLORIETA DA BREA
Por outra banda, o deputado nacionalista tamén trasladou a Ramallo que as obras de reurbanización e mellora da rúa José del Río están pendentes da proposta de adxudicación definitiva, polo que se non se producen complicacións, as obras poderán comezar a finais de xullo, despois da Festa do Carme.
Estas obras consistirán na construción de novas beirarrúas de 2,5 metros de largo e dunha pasarela peonil para dar continuidade á actual beirarrúa esquerda sobre o río. Así mesmo, renovarase o saneamento para evitar verquidos no colector do río Lameira e reconstruiranse as acometidas actuais, haberá tamén unha rede nova de abastecemento de auga cun ramal por cada lado da rúa, instalaranse luminarias eficientes e plantaranse liquidámbar cada dúas prazas de aparcamento.
Finalmente, o deputado de Mobilidade destacou que as obras de mellora da seguridade viaria no lugar de A Brea, onde se prevé construír unha nova glorieta para regular o tráfico, están no departamento de Contratación.
Pola súa banda, a alcaldesa María Ramallo agradeceu ao deputado o traballo feito pola Deputación no proxecto da baixada a Aguete e tamén salientou o seu interese por iniciar canto antes os demais proxectos que o departamento de Mobilidade ten previstos para o municipio.
Relacionadas:
-
As obras da glorieta da Brea, á espera de que Fenosa retire dous transformadores
Por Redacción |
-
A glorieta da Brea comezará a construírse despois de Reis
Por Redacción |
-
A Deputación xa ten listo o proxecto da nova glorieta da Brea
Por Redacción |
-
Melloras en seguridade viaria e en sendas e estradas provinciais, principais demandas dos veciños de Marín
Por Redacción |
-
Marín solicita máis lombos e melloras nos viais provinciais á Deputación
Por Redacción |