A Lama solicitará a súa inclusión no Plan Deporemse da Deputacion
Por Oskar Viéitez
O pleno extraordinario da corporación municipal da Lama aprobou por unanimidade este venres o proxecto de mellora da seguridade viaria na rúa Miguel Carballal Sobral e na estrada Fraga-A Lama, así como a solicitude de subvención á Deputación de Pontevedra dentro do Plan de Remodelación e Mellora da Seguridade dos Viarios Municipais (Plan Deporemse).
O importe total deste proxecto alcanza os 349.000 euros dos cales o Concello da Lama tería que asumir un 10% do seu custo e un prazo de execución previsto de 3 meses desde a adxudicación definitiva das obras no caso de que a Deputación aprobase a súa realización.
A proposta presentada ao pleno polo alcalde, Jorge Canda, vai dirixida a mellorar a seguridade viaria e favorecer a mobilidade peonil na contorna do colexio, parque infantil, polideportivo municipal e a igrexa. Con este obxecto prevese a dotación de beirarrúas cun ancho de 2,5 metros e pasos de peóns con nova sinalización para adaptarse á normativa en vigor en materia de seguridade viaria.
PRAIA FLUVIAL
Jorge Canda acompañou este venres ao delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, nunha visita á praia fluvial de Ponte Verdugo na Lama, onde están a piques de rematar os traballos de mellora da contorna, executados a través dun convenio coa Axencia de Turismo de Galicia.
Estas obras contaron cun orzamento de case 60.000 euros.