Ponte Caldelas oferta un variado abano de ludotecas e campamentos de verán
Por Redacción
Un díptico, editado polo Concello de Ponte Caldelas, axuda ás familias a coñecer facilmente a totalidade da oferta que a iniciativa pública e a privada poñen en marcha este verán para axudar á conciliación da vida familiar e laboral durante a época estival.
Un esforzo compartido, no que participan seis entidades distintas, posibilita a existencia de ata 300 prazas. A rapazada poderá así gozar dun amplo abano de actividades para todos os gustos e a prezos moi competitivos. Algúns dos centros mesmo ofrecen descontos para os nenos empadroados en Ponte Caldelas.
As actividades son tan variadas que van dende as clases de equitación e achegamento ao mundo do cabalo, a ludotecas temáticas sobre ciencia, cociña, xogos populares, música ou contacontos. Tamén haberá fútbol, excursións e rutas en bicicleta, entre outras moitas posibilidades.
A oferta é tamén extraordinariamente flexible en canto á elección das datas.
O alcalde, Andrés Díaz, recibiu aos representantes da Sociedade Cultural e Deportiva Ponte Caldelas, a ANPA do colexio de A Reigosa, á directora da ludoteca municipal, aos responsables de Hípica Amazonas e o Centro Ecuestre Atlántico (novidade este ano) e aos xestores da escola infantil Papaventos.