Este venres iníciase o sentido único de circulación no acceso ás praias de Marín
Por Redacción
Co inicio da tempada de verán, o Concello de Marín pon en práctica unha das medidas habituais da época estival no acceso ás praias coa decisión de que se estableza o sentido único de circulación en todo o viario de praias, desde Portocelo a Gago de Mendoza.
O goberno local aplica o sentido único desde a PO-551 ata o viario das praias, ademais do acceso prohibido desde ese viario ao Camiño Morquena. Esta medida non se aplica a residentes. O período de aplicación será desde este 15 de xuño ata o 15 de setembro.
NOVOS SOCORRISTAS
Tamén este venres abrirase a praia de Mogor ao baño con socorristas en prácticas. Estes mozos serán supervisados pola profesora Ana Silva e encargaranse de manter a seguridade neste espazo.
Trátase de estudantes do curso de adaptación da actividade física e deportiva ao Salvamento, que organiza a asociación de socorristas profesionais do Morrazo en colaboración co IES María Soliño. O día 26 pasarán a ser socorristas oficiais, coa idea de cubrir as vacantes en concellos da comarca.
A presenza destes socorristas desenvólvese por segundo ano consecutivo, a través dun acordo entre a asociación e o Concello de Marín.