20.150 euros de multa para dous irmáns futbolistas por agredir outro xogador ao final dun partido
Por Anxo Lourido
Iván e Delmiro Bello, os dous irmáns futbolistas en 2009 do equipo Barciademera do concello do Covelo, protagonizaran unha agresión a un xogador do Louredo o 24 de maio de hai catro anos. Este martes chegaban a un acordo coa outra parte polo que Iván Bello acepta unha pena por un delito de lesións de 6 meses de prisión que non supoñen o ingreso nun centro penitenciario e unha indemnización á vítima de 20.000 euros. O seu irmán, Delmiro é castigado por unha falta de maltrato e terá que aboar 150 euros. Por petición da Fiscalía ambos os dous non poderán entrar en campos de fútbol durante 5 anos no caso de Iván e durante 6 meses no caso de Delmiro.
Da indemnización, 4.050 euros xa foron consignados en fase de instrución, 11.000 foron pagados durante a xornada de hoxe a través dun cheque. Os ao redor de 5.000 euros que restan deberán ser aboados nun prazo máximo de 7 meses.
O escrito de acusación do Ministerio Fiscal sitúa os feitos no día 24 de maio de 2009, tras disputarse un encontro de fútbol da Federación Galega entre o Barciademera C.F. e o Louredo no campo do primeiro sito en Covelo. Ao final do partido, Iván Bello del Barciademera dirixiuse a José Antonio Rodríguez e propinoulle un puñazo na cara.
Tras esta primeira agresión, o seu irmán Delmiro empurrou o xogador do Louredo e, unha vez que caeu ao chan, Iván asestoulle varias patadas na cara.
Como consecuencia desta agresión, a vítima sufriu fractura-afundimento de ósos propios de nariz e ferida inciso contusa que requiriu para a súa curación tratamento médico-cirúrxico.