O PP denuncia que a Deputación non investiu nas estradas provinciais os 22 millóns de euros prometidos
Por Oskar Viéitez
O Partido Popular de Pontevedra asegura que a Deputación só gastou 2,4 dos 22 millóns de euros que prometeu para investimentos nas estradas provinciais no ano 2017.
O voceiro do PP provincial, Ángel Moldes, explicou en rolda de prensa que "só foron capaces de gastar un 10% do que anunciaron, actuaron só en 13 estradas das 29 previstas, e o máis triste, é que na maioría delas, en lugar de apostar por proxectos completos, foron por tramos".
"Estamos ante un equipo de goberno que gastan moito tempo en presentar decálogos, decálogo do decálogo, catálogos, guías... pero ao final o que está claro é que os servizos de contratación e de cooperación están colapsado e non saen os proxectos", apuntou Moldes.
Para o PP "queda demostrado que estamos ante un equipo de goberno de moitas presentacións, moitos titulares, moitas postas en escena, moito postureo, pero ao final os feitos non existen".
Nesta mesma liña tamén incidiu o deputado Luis Aragunde, que dixo que "a Deputación é unha plataforma para promocionarse a nivel político uns e outros, pero os veciños da provincia están cada vez máis esquecidos e reciben cada vez menos servizos".