O comité de Renfe en Pontevedra convoca folgas
Por Oskar Viéitez
O Comité de RENFE-Viaxeiros na provincia de Pontevedra, tras as Asembleas feitas cos traballadores do ámbito, acordou por unanimidade dos seus membros convocar paros laborais dende o 23 de xuño ao 25 de xullo.
Segundo informou o comité estes paros veñen motivados pola falta de cadro de persoal para cubrir dun xeito eficiente os postos de venda de billetes e información da estación de Pontevedra e as de Vigo-Guixar, Vigo-Urzaiz e Vilagarcía, que está a supoñer unha saturación de traballo ao persoal das xanelas que está xerando situacións de "estrés laboral, ameazas de agresións e imposibilidade de realizar o seu traballo nunhas condicións dignas minimamente aceptables".
Esta situación está a provocar "escenarios de tensión entre usuarios e traballadores" ademais da redución da calidade dos servizos prestados aos viaxeiros e os recortes nos horarios de venda, para suplir a falta de persoal existente.
Outro asunto que provoca os paros convocados é a "precaria interlocución" nas xuntanzas bimestrales entre o Comité e a representación empresarial de RENFE, que fai que existan puntos pendentes de solución desde fai máis dun ano.