A nova depuradora de Perdecanai, primeiro paso no saneamento integral de Barro
Por Redacción
A construción da nova depuradora de Perdecanai é, segundo destaca o Concello de Barro, o primeiro paso na planificación feita polo goberno municipal para avanzar no saneamento integral de todo o municipio.
A este respecto, o Concello solicitou aos posibles interesados a oferta de terreos para a construción desta infraestrutura, que daría servizo ademais de a esta parroquia a outros lugares das de Agudelo, Barro e Valiñas.
Con este obxectivo, foi elaborado un estudo técnico no que se propoñen as distintas solucións cos emprazamentos para a construción de novas depuradoras e conseguir, desta maneira, que este servizo público poida chegar a todas as parroquias do concello.
O alcalde, Xosé Manuel Fernández Abraldes, considera que o estudo técnico encargado polo goberno municipal é un documento fundamental para dotar con este servizo público a todos os lugares do concello dunha maneira "planificada e coherente".
O primeiro paso é a consecución dos terreos para esta nova depuradora, que cumprirá un papel central no saneamento de varias parroquias do concello.
Unha vez se teñan estes terreos vaise elaborar un anteproxecto deste novo equipamento, co que facer as xestións para conseguir o financiamento que permita a súa execución.
Neste momento son poucos os lugares do concello que dispoñen de saneamento e, a pesar de que o goberno municipal leva investido máis de 300.000 euros nestes tres anos, o que serviu para que máis veciños se puideran conectar á rede de sumidoiros, as depuradoras existentes "non son suficientes para unha solución global en todo o concello".