O subdelegado do Goberno esquece os líderes sindicais da comarca
Por Redacción
A oficina que o Fondo de Garantía Salarial (FOGASA) ten na provincia encóntrase en Vigo e só dispón de 9 empregados. Comisións Obreiras denuncia a través de Pilar Seoane, membro da executiva nacional do sindicato, que este servizo se encontra colapsado e que Pontevedra é unha das provincias nas que máis se tarda en resolver as indemnizacións por despedimento. Segundo denuncia CC.OO. a espera pode chegar a 14 meses.
Afirman que só se solucionan un 27,5% dos expedientes e lamentan que, debido ao nivel de traballo, só se presentan a un 10% dos xuízos para recuperar o diñeiro que o FOGASA adianta para as indemnizacións. Pilar Seoane considera que "isto é unha despilfarro de cartos públicos" e reclama un incremento de persoal nesta oficina en lugar de buscar unha privatización deste organismo "como se está a potenciar dende o Goberno". A representante sindical solicita investimento público neste servizo e a utilización de persoal interino de maneira urxente para axilizar as tramitacións.
Precisamente, José Luis García Pedrosa, secretario comarcal de CC.OO. recorda que en compañía dos máximos responsables de UGT e CIG na bisbarra, Ramón Vidal e Rafael Iglesias, solicitaron o 15 de marzo unha reunión co subdelegado do Goberno, Antonio Coello, para que intermediase neste problema que afecta a miles de despedidos en Pontevedra. Non obstante, o representante do Goberno na provincia non se puxo en contacto cos líderes sindicais nin se fixou unha data para unha reunión na que abordar este tema. Para García Pedrosa, este silencio demostra "moi pouca sensibilidade ante a situación que están a sufrir os cidadáns do país".