O corpus de Cerponzóns luce as súas alfombras en todo o seu esplendor
Por Redacción
Cerponzóns, como moitos outros lugares de Galicia, celebrou este domingo o Corpus coa elaboración das tradicionais alfombras que, a pesar de que as previsións meteorolóxicas non eran as máis adecuadas, puideron lucir en todo o seu esplendor.
Os veciños afanáronse desde as seis da mañá para poder rematar as alfombras a tempo para esta celebración que, nesta parroquia pontevedresa, se remonta a hai 36 anos.
As creacións florais ocuparon un total dun quilómetro cadrado de extensión e o material que se usou nelas é propio da contorna natural da parroquia.
Mentres un nutrido grupo de veciños deixaban as alfombras o máis fermosas posibles dous grupos folclóricos percorreron a parroquia interpretando alboradas que convidaban a celebrar este día tan especial.
Contra as once da mañá estaban xa acabadas as alfombras e comezaban a visitalas tanto veciños como os forasteiros que todos os anos achéganse aos arredores da igrexa atraídos pola beleza das alfombras.
A misa, seguida da procesión na que participaron os nenos que facían a súa Primeira Comuñón, e unha sesión vermú deu por finalizada a primeira parte da festividade. Unha animada verbena puxo o broche de ouro.