Captar alumnos en países de fala hispana e Brasil, reto do novo reitor da Universidade de Vigo
Por Redacción
A Universidade de Vigo e, polo tanto, o campus de Pontevedra teñen novo reitor. Manuel Reigosa tomou posesión como sexto reitor desta institución educativa e, no seu discurso, avanzou algunhas das súas liñas estratéxicas de traballo para os próximos anos.
Nun acto celebrado na Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais de Vigo, Reigosa explicou que o seu obxectivo será acadar unha universidade "das persoas", que sexa unha entidade "agarimosa" á que a comunidade educativa se sinta honrada de pertencer.
Así, entre outros retos, o novo reitor prometeu traballar para lograr mellores condicións de traballo para o persoal, darlle un maior pulo á docencia, simplificar a burocracia, apostar polos recursos humanos, facer rexurdir o Claustro ou ter negociacións máis fluídas con diversos colectivos, entre eles o sindical.
Con respecto ao plano docente, Manuel Reigosa destacou que haberá que facer un "esforzo" por captar alumnado nos países de fala hispana e Brasil "sen esquecer o inglés" e incidiu na necesidade de incorporar docentes e persoal investigador para renovar un profesorado "cada vez máis avellentado" e recuperar o pulo nas publicacións científicas de alto nivel.
No caso do campus pontevedrés, a liña principal de traballo será seguir avanzando na especialización do Campus Crea s2i ou no desenvolvemento do novo grado en Deseño e Creación, que se impartirá desde o curso 2019-2020.
Xunto a el tomou posesión o seu equipo de goberno formado, entre outros, por Jorge Soto como vicerreitor do campus de Pontevedra ou Mónica Valderrama, docente da Facultade de Ciencias Sociais e de Comunicación, como vicerreitora de Comunicación e Relacións Institucionais.
Manuel Reigosa substitúe no cargo a Salustiano Mato que, na súa intervención, asegurou marchar "coa sensación do deber cumprido e coa ledicia de ver á universidade situada nos eidos máis salientables do ámbito nacional e internacional".
Á toma de posesión acudiron os reitores das universidades de Santiago e A Coruña, Antonio López e Julio Abalde, o conselleiro de Educación, Román Rodríguez; a presidenta do Congreso dos Deputados, Ana Pastor; ou o presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo.
O presidente galego referiuse á cooperación como a máxima que debe rexer entre as tres universidades galegas e que fixo posible acordos para a docencia médica, para a creación dun novo consorcio interuniversitario "que nos permitirá ser máis fortes e máis efectivos", ou a definición dunha oferta conxunta de titulacións ata o ano 2021, "algo sen precedentes na comunidade universitaria" e que suporá a creación de 14 novos títulos.
Ademais, aludiu a algúns dos éxitos acadados nos últimos anos pola institución académica viguesa e rematou ofrecendo a colaboración do goberno galego ao novo reitor, que dixo trae "experiencia, prestixio, independencia e ilusión".
Relacionadas:
-
O Edificio das Artes, de novo na axenda da Universidade de Vigo
Por Alejandro Espiño |
-
O campus de Pontevedra pelexará por introducir novas titulacións que "establezan sinerxias" coas xa existentes
Por Diego Espiño |
-
O novo vicerreitor do campus reafirma a súa vontade de colaboración co Concello
-
Inmaculada Paz Andrade, primeira pontevedresa investida doutora honoris causa pola Universidade de Vigo
Por Redacción |
-
Pachi Reigosa, novo reitor da Universidade de Vigo e Jorge Soto, vicerreitor do campus de Pontevedra
Por Oskar Viéitez |
-
Emilio Fernández e Pachi Reigosa confrontan as súas propostas para o campus de Pontevedra
Por Oskar Viéitez |