Medio Rural sementa dez hectáreas de pastizal gandeiro en Viduído
Por Oskar Viéitez
O Concello de Cerdedo-Cotobade segue a desenvolver o seu ciclo de investimentos por todo o municipio e nestes días está traballando no lugar cerdedense de Viduído cunha triple actuación.
Así, a Consellería de Medio Rural vén de iniciar as tarefas de sementado dun pastizal de dez hectáreas que se enmarca no proxecto de creación destes espazos agrogandeiros nas zonas centro e sur do concello con actuacións, aparte de en Viduído, en Deán e Figueroa cun investimento global de preto de 200.000 euros.
Inclúe a colocación de peche perimetral con malla gandeira, construción de pasos canadienses e instalación de comedeiros e bebedeiros.
Por outra banda, o Concello tamén está acometendo, xa de xeito directo a través da brigada municipal de obras, a construción da nova captación de auga potable para dar servizo a todas as viviendas deste lugar e garantir o subministro e abastecemento dos veciños ante a chegada do verán e o posible risco de seca.
Finalmente, a aldea tamén se beneficiou das tarefas de limpeza e reparación do seu antigo lavadoiro, que comezaba a mostrar sinais de deterioro.