A Lama quere a bandeira azul para a súa praia fluvial
Por Redacción
A praia fluvial da Lama, bañada polo río Verdugo, podería lucir a bandeira azul moi pronto. Polo menos, esa é a intención do goberno municipal, que iniciou os trámites necesarios para lograr ese distintivo. O Concello non descarta solicitala xa de cara o próximo ano.
O alcalde, Jorge Canda, destacou que a praia xa conta con todos os estándares de calidade que esixe ADEAC, o organismo que concede estas bandeiras en España, e a pureza e a limpeza das augas do son "do melloriño de España".
Un dos requisitos é que a praia conte con socorristas, polo que o Concello xa xestiona a contratación dun. Agora mesmo, estudan ver como se articula esta contratación. Esperan a colaboración da Xunta, ao entender que é un "gasto excesivo" para asumilo só.
Mentres tanto, o goberno municipal segue avanzando no proceso de mellora e adaptación de espazos para cumprir coas esixentes normas de ADEAC.
Así, operarios do Concello da Lama procederon a fresar e renovar o tapiz de herba natural existente nas inmediacións da praia fluvial co fin de resembrar e mellorar esta zona de céspede, que será completada tamén cunha capa de fina area para favorecer mellor o acceso de entrada e saída da zona de baño.
Ademais, están a levarse a cabo labores de mantemento para poñer a punto tanto os servizos públicos como o mobiliario urbano, as mesas e bancos existentes, así como as marquesiñas e lugares preparados para realizar asados con máxima seguridade de cara o comezo da tempada estival.
Para a accesibilidade, unha axuda europea de 40.000 euros permitirá crear un itinerario para acceso autónomo das persoas con déficit de visión ou invidentes coa instalación de pavimento podotáctil, adaptación de beirarrúas, dotación de prazas de aparcadoiro reservadas a persoas con discapacidade, mobiliario, elementos lúdicos e sinalización accesible.
Relacionadas:
-
A praia fluvial do Verdugo, areal sen fume
Por Redacción |
-
Un paseo en piragua polo Verdugo para combater a calor
Por Redacción |
-
Os concellos recollen as súas bandeiras azuis
Por Oskar Viéitez |
-
Unha andaina para celebrar a bandeira azul da Calzada
Por Redacción |
-
As praias das Rías Baixas lucirán 55 bandeiras azuis
Por Alejandro Espiño |