O PP faise eco das queixas dos transportistas de Poio polas restricións de aparcadoiro
Por Redacción
O PP de Poio fíxose eco este xoves das queixas do sector do transporte do municipio polas restricións ao estacionamento de vehículos pesados impostas polo goberno local na vía pública en distintos lugares de Poio, que obrigan aos transportistas a aparcar en zonas apartadas, lonxe das súas vivendas.
O concelleiro do PP de Poio Tucho Muíños non pon en dúbida a legalidade da medida adoptada polo goberno de BNG e PSOE, pero si que critica que "castiga" aos transportistas, pois ao ter que aparcar lonxe das súas vivendas, vese prexudicada "a seguridade, a economía e a calidade de vida" destes profesionais.
"O que non se pode facer é poñerlles todos os problemas e non darlles ningunha alternativa", critica o concelleiro 'popular', que resalta que o transporte é un sector do que dependen moitas familias de Poio, con numerosos autónomos e empresas ubicadas no Concello.
Tucho Muiños pide ao Concello "sentido común" e critica que "non é de recibo que o goberno se limite a prohibir, restrinxir, sancionar e poñer problemas sen darlles alternativas".
Ao respecto, lamenta que obrigue a estes veciños de Poio a "buscarse a vida" en zonas apartadas e lles poña cada vez máis dificultades para aparcar mentres favorece a empresas que non son de Poio dándolles abeiro dentro de instalacións municipais, en referencia á concesionaria do servizo de recollida de lixo.
"Se queren dar alternativas, hai moitas", insiste Muíños, que pide ao goberno local que busque solucións habilitando zonas donde se poida aparcar, sexa en parcelas de propiedade municipal ou alugando espazos e terreos para ofrecerlles estacionamento aos transportistas do concello.