Barro homenaxeará as tabernas tradicionais na súa Festa do Viño
Por Redacción
A Festa do Viño de Barro, que se celebrará no municipio entre os días 14 e 17 de xuño, estará protagonizada pola xente de Barro. Así o destacou o goberno municipal na súa presentación, xa que os grupos locais terán un papel esencial nesta festa.
Así, os grupos locais Galifunk e Son das Tabernas ademais da Coral Polifónica, o Grupo de Danzas Amor Ruibal, o Grupo de Pandereteiras da Asociación Peñaflor e a Banda Xuvenil de Barro integran unha programación pensada para todos os gustos e todas as idades.
A música, a danza, o canto coral, o deporte e a gastronomía, ademais dos bos viños, fan da Festa do Viño de Barro, unha cita "imprescindible" neste mes de xuño, segundo sinalou o alcalde, Xosé Manuel Fernández Abraldes.
Este ano, no que xa se celebra a 39 edición da festa, vaise homenaxear o papel das tabernas tradicionais, que foron "fundamentais" para a comercialización do viño ata hai moi pouco tempo e punto de encontro para a sociedade.
Ademais, manterase tamén a costume do goberno de ter un pregón o venres da inauguración do Certame Rías Baixas, que este ano correrá a cargo de Claudia Favorecido Domínguez, mestra do CEIP Amor Ruibal dende hai máis de 20 anos, ao longo dos cales "está deixando unha pegada moi importante", afirmou o alcalde.
Os organizadores da festa viron nela a capacidade de dinamización que ten demostrado todo o profesorado dos centros educativos do concello para, ademais de formar ás novas xeracións de veciños de Barro, integrarse socialmente e participar activamente en todo o que o Concello lles propón.