A tartaruga Antares comeza na Illa o seu regreso á casa, as augas do Caribe
Por Redacción
Unha das piscinas exteriores do Instituto Galego de Formación en Acuicultura (Igafa) ten desde este mércores unha nova inquilina. Trátase da tartaruga mariña Antares, que durante os próximos días completará o proceso de recuperación que comezou en decembro cando apareceu na zona de O Vicedo (Lugo). Ao remate, será devolta ao medio natural para que inicie o seu regreso á casa, as augas do mar Caribe.
Segundo informa o Igafa, a estancia de Antares no centro da Illa de Arousa é froito dunha colaboración coa Rede de Varamentos da Coordinadora para o estudo dos mamíferos mariños (CEMMA) de Galicia.
A tartaruga foi recollida o 6 de decembro de 2017 nas redes da embarcación Antares nas proximidades da Illa Coelleira, no Vicedo. Estaba en mal estado despois de ser capturada accidentalmente e, xa a bordo, a tripulación alertou inmediatamente a CEMMA. O seu persoal especializado explicou aos mariñeiros como facer as labores de reanimación e logrouse salvar ao animal, que foi bautizado co nome do barco dos seus salvadores.
A recuperación continuou na Unidade de Coidados Intensivos de CEMMA Nigrán, onde se instalou nun tanque de 1.500 litros con auga mariña e se lle foi subministrando alimento con sonda e medicamentos de cobertura xeral. Una vez estabilizada, e dado que o seu tamaño de 71 centímetros e 24 quilos superaba a capacidade das instalacións, o 18 de xaneiro foi trasladaa ás instalacións da ARCA del Mar do L´Oceanogràfic de Valencia, encargados da asistencia e rehabilitación das tartarugas mariñas varadas nesa zona costeira mediterránea.
Nestes meses de recuperación a tartaruga mellorou no seu aspecto e condición de saúde, recuperando peso, mobilidade, capacidade de mergullo e de alimentación. Unha vez recuperada, volve ao Atlántico para ser liberada e continuar o seu camiño, segundo informou CEMMA.
Esta última fase da recuperación na Illa de Arousa permitiralle adaptarse ás condicións mariñas onde vai ser liberada. Nuns días ou semanas será liberada fóra da ría de Arousa para que poida continuar o seu camiño cara ás augas do Caribe.
Cheguen cando cheguen ás nosas costas as tartarugas mariñas non poden ser liberadas, ata o mes de xuño -e ata setembro- porque neses meses, se hai bo tempo, as correntes mariñas diríxense cara ao sur, que é o camiño cara a onde hai que dirixilas. No inverno a corrente do Golfo diríxese cara ao sur, mais a corrente costeira vai cara ao norte, polo que é xusto o contrario do seu camiño.