Bueu pon a punto a praia de Portomaior para o verán
Por Redacción
Ante a inminente chegada da tempada estival, o Concello de Bueu está levando a cabo diversas actuacións de posta a punto dos servizos e instalacións das praias, sobre todo daquelas que lucirán a Bandeira Azul.
Os traballos estanse a centrar estes días en Portomaior, onde se comezaron a arranxar as casetas e torres de vixía dos socorristas e as pasarelas.
Neste areal tamén se vai levar a cabo a substitución dos aparatos do parque infantil que se retiraron debido a que se atopaban en mal estado, co que se poñía en risco a seguridade dos usuarios.
Ademais, o alcalde Félix Juncal visitou este mércores as obras de pavimentación que arrancaron no Camiño da Costiña, na parroquia de Cela.
A actuación, con cargo ao Plan Concellos 2017 da Deputación de Pontevedra, estase levando a cabo pola empresa Marconsa, cuxo contrato de adxudicación é de 36.451 euros.
As primeiras actuacións incluíron a limpeza, varrido e escavación durante un tramo de 600 metros de longo entre os lugares de A Costiña e Fontealta, que se vai asfaltar e completar con cunetas para recoller a auga e sobreanchos.
Este asfaltado forma parte do proxecto de pavimentación de camiños municipais, dos que xa se remataron o de Meiro e rúa Ramal dos Galos, e están en fase de adxudicación os de Sar e Vilar (Beluso).